Os fogos do Apóstolo contarán este ano con última tecnoloxía de realidade virtual

venres, 15 de xullo do 2011 Raquel Noya

Por primeira vez na súa historia, os tradicionais fogos do Apóstolo, que cada 25 de xullo fan vibrar de emoción a visitantes e veciños da capital de Galicia, incorporarán as últimas tecnoloxías de realidade virtual, para proxectar sobre monumentos imaxes con efectos de movemento, dando lugar a un espectáculo único, nunca visto en Compostela.
Trátase da proposta da empresa GDP (General de Producciones y Diseño) que foi a mellor puntuada no concurso público convocado polo Concello para o deseño, produción, montaxe e realización dos espectáculos nocturnos das Festas do Apóstolo.
O proxecto emprega a técnica do mapping, que permite obter efectos de movemento (chamados 4D) para darlle un grande efecto de realismo e unha marcada sensación de volume. Trátase dunha técnica innovadora que, segundo informan dende a empresa responsable, “pode recrear atmosferas e espazos en lugares onde non existen”.
Asemade, a empresa empregará a tecnoloxía do warping, que consiste en axustar a proxección á superficie total do edificio, segundo din, “como se fose unha pel”, sendo esta a primeira vez que o warping se aplica sobre unha fachada das características da da Catedral, cunha arquitectura barroca complexa.
Deste xeito, sempre en palabras dos seus responsables, a fachada non será unha mera pantalla sobre a que proxectar, senón que se fundirá coa imaxe formando un todo, “cheo de dinamismo e movemento”.
O obxectivo é “que a Catedral teña vida propia, que se achegue ao espectador”, afirman, para o que fará falta unha potencia de proxección nunca antes empregada; potencia que tamén servirá para proxectar nas fachadas do Pazo de Xelmírez e no Claustro da Catedral as imaxes en movemento deseñadas para a ocasión.
Dende o Consorcio de Santiago xa adiantaron o guión do que vai ser o espectáculo, articulado en sete secuencias (O bosque animado, A barca de pedra, Campo de estrelas, Construcións e deconstrucións, O Pórtico da Gloria, A Vía Láctea, o Camiño e as súas catedrais e Visitantes virtuais), que a través da imaxe, do son, da luz, da música e da pirotecnia rememoran o proceso construtivo e a historia da Catedral de Santiago.
O proxecto contratado, que contará para a súa execución con preto de 400.000 euros, inclúe un espectáculo de luz, son e pirotecnia na noite do 24 de xullo dende a praza do Obradoiro, de 30 minutos de duración, así como dun resumo do mesmo para tódalas noites ata o 30 de xullo e un castelo de fogos de artificio para a o noite do 31.
A empresa GPD incorpora na súa proposta un equipo técnico adscrito, formado polo escritor, xornalista e guionista Miguel Anxo Murado (como responsable dos contidos do espectáculo) e a arquitecta Diana Jusdado (responsable da adecuación e respecto ao entorno patrimonial).

PUBLICIDADE