Os fogares de Oleiros poderán traballar nun uso das TIC en positivo grazas ao obradoiro familiar municipal

venres, 4 de marzo do 2022 S. P.

O Concello de Oleiros vai organizar unha nova edición do seu obradoiro Familias Inquedas, dirixido a fogares con adolescentes. Nesta nova convocatoria porase o foco nos novos escenarios de actuación e comunicación, apostando por fomentar a empatía, a igualdade, o respecto polos demais e o uso racional, útil e seguro das novas tecnoloxías. O prazo para participar abre o 7 de marzo. Porase o foco nas consecuencias que tivo a pandemia nas novas xeracións, logo do confinamento e dunha maior presenza das canles online.
O obradoiro Acompañando á adolescencia” está dirixido a familias de Oleiros con menores de 11 a 17 anos de idade. As sesións serán os luns e xoves nas seguintes datas: o 14, 17, 21, 24, 28 e 31 de marzo e o 4 e o 7 de abril. As inscricións serán a través da sede electrónica na web municipal no apartado cidadáns e empresas/trámites en liña, a partir do luns 7 de marzo ás 10:00 h e ata o xoves 10 de marzo ás 23:00 h. O número de prazas é limitado, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencias as persoas que non participaron nesta actividade en anos anteriores.
Será un obradoiro de 16 horas, dividido en 8 sesións en formato presencial que se desenvolverá en Villa Echeverry, as novas instalacións en Perillo de Servizos Sociais e Igualdade. Estará impartido por Sara Vierna, de Almas Meraki, unha profesional con ampla experiencia en traballar con adolescentes e familias temas de educación emocional, igualdade, sexualidade e novas tecnoloxías.
Este tipo de obradoiro enmárcase dentro da estratexia de desenvolvemento comunitario de boas prácticas na educación e na crianza no entorno familiar, “cun enfoque preventivo de conflitos familiares e de problemáticas que poidan xurdir nos fogares de Oleiros”.
Segundo explica o Concello acerca dos porqués deste obradoiro, “o contexto actual provocado pola COVID 19 fixo máis necesario que nunca traballar a convivencia e a comunicación na familia, no que a pandemia deixou un pouso de desánimo, desmotivación e apatía na adolescencia”.

PUBLICIDADE