Os fallos informáticos extremos poden custarlle a unha empresa máis de 7 millóns de euros

martes, 10 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Nun estudo recente da empresa Compuware, centrada en tecnoloxía do rendemento, recóllese un dato concreto sobre o que moitos de nós non nos dabamos posto de acordo (normalmente quedando moi por debaixo do dato real): a contía media de perdas para unha empresa que pode supoñerlle un fallo informático. Pois ben, segundo recolle esta firma, un problema desta índole, propio ou inducido, pode custarlles entre 45.000 e 75.000 euros á hora. A cifra, claro está, variaría segundo a actividade da empresa, o seu tamaño ou o sector no que se centre. O que achega Compuware non é outra cousa que unha cantidade media.
Ou sexa, que haberá casos en que a contía en cuestión sexa moito maior, sobre todo se falamos de empresas con milleiros de traballadores e clientes. Deste xeito, ante certas circunstancias, informa PC World e reflicte o CPEIG na súa web, a perda pode ascender até os 7,5 millóns de euros nunha hora. Entre as empresas máis potencialmente susceptíbeis de chegar a estas cantidades atópanse as centradas en telecomunicacións, cousa lóxica ao ter unha especial dependencia coas novas canles e ferramentas dixitais da información e a comunicación (o miolo do seu traballo, a súa base e a súa oferta), xeralmente o punto onde máis impactan os fallos informáticos. A continuación veñen (en taxa de incidencia) os brokers financeiros e as compañías aéreas.

PUBLICIDADE