Os fabricantes chineses gañan posicións no mercado español de smartphones

martes, 15 de maio do 2018 Marcus Fernández

No outono de 2017 Kantar aseguraba que os fabricantes chineses estaban a gañar peso no mercado de smartphones español, de xeito que Xiaomi conseguía colocarse na cuarta posición en vendas pese a carecer aínda de distribución oficial no noso territorio, pasando dunha cota do 2,7% ao 8% en só un ano. Esta situación non só está a progresar, senón que segundo Canalys a posición de Xiaomi continúa a mellorar, conseguindo unha cota de mercado do 14,1%, conseguindo un meritorio 3º posto en vendas, só por detrás de Samsung (23,9%) e Huawei (23%).
O achegamento de distancias entre Samsung e Huawei tamén é moi significativo, confirmando o pulo dos fabricantes chineses. Pola contra, Apple cae até unha cota do 12,9%, o que supón unha caída do 6,7%. A compañía que quedaría en 5º posto en España sería Bq, que segundo as estimacións de Canalys para o primeiro trimestre de 2018 tería só o 3,6% do mercado, moi lonxe dos seus resultados de anos anteriores, nos que chegara a ser a principal alternativa ás grandes marcas internacionais, rol que conquistaron claramente Huawei e Xiaomi.
Cómpre salientar que os datos de Canalys refírense a volume de unidades vendidas, e non ao volume económico, xa que que o prezo dos smartphones chineses tende a ser reducido, o que fai que Apple facture en España máis que o conxunto de Huawei e Xiaomi.

PUBLICIDADE