Os expertos salientan no Congreso Internacional de Drons o gran potencial galego en tecnoloxías aéreas non tripuladas

venres, 31 de marzo do 2017 Redacción

Hoxe a primeira hora da mañá arrincou en Ourense o I Congreso Internacional de Drones de Galicia, organizado por AGGETT (Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións) co obxectivo de achegar, en diferentes escenarios da cidade (até este domingo), unha xanela directa ás máis modernas e innovadoras aplicacións dos vehículos aéreos non tripulados (UAV, polas súas siglas en inglés) e á manchea de posibilidades de desenvolvemento e actividade económica que se abren para o noso sector empresarial e investigador. O evento foi inaugurado a primeira hora da mañá polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen salientou os movementos firmes que está a dar a nosa terra (da man de empresas, administracións, universidades e centros tecnolóxicos e de I+D) para situarse á vangarda destas tecnoloxías. Na apertura tamén participou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen destacou que os drons “son unha gran oportunidade e dende a Universidade estamos preparados para aproveitala”.
O Drones International Congress DIC Galicia’’17 vén da man da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións xunto co Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións co obxectivo de reunir en Ourense a profesionais, expertos e empresas relevantes no panorama estatal e internacional e potenciar así “un dos sectores máis en alza da comunidade galega”.
Nas sesións de apertura, amais de Francisco Conde e Salustiano Mato; participaron José Manuel Martínez, presidente da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións; Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo; José Javier Medina, decano do Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións; Richard Vinuesa, vicepresidente da European Rotor Sports Association, e Enrique San Martín, xefe provincial de Ourense de Inspección de Telecomunicacións.
Durante a súa intervención Salustiano Mato fixo un repaso polas titulacións da Universidade de Vigo nas que se “está a xerar talento e coñecemento” relacionado con este sector e polas liñas de actuación postas en marcha “para traducir ese coñecemento en innovación e transferencia”, citando instrumentos como AtlantTIC, Gradiant e o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia.
Pola súa banda, o decano do Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións recalcou como estamos asistindo non á aparición dun novo aparello senón dun “novo concepto” que “nos levará a vivir nun mundo diferente”. Ao fío disto, dixo, “o gran desafío” vai ser traballar desde o mundo universitario e empresarial para que aproveitemos esta oportunidade e para xerar servizos aos cidadáns. Segundo explicou José Manuel Martínez, DIC Galicia’17 ten “como obxectivo que se vexa que desde o sector das telecomunicacións, e neste caso concreto dos drons, resolvemos problemas que afectan á vida diaria das persoas, ademais de prestixiar o papel dos profesionais de telecomunicacións e fomentar as vocacións neste eido”.
As Rozas
Un dos puntos nos que máis insistiu o conselleiro de Economía durante a súa intervención hoxe no Congreso foi nas posibilidades que se abren co polo de UAV das Rozas, en Lugo. Segundo explicou, “a comunidade conta cun triángulo que traballa de xeito coordinado composto por tres vértices: o grao de Enxeñería Aeroespacial de Ourense, o Centro de Innovación Aeroespacial de Nigrán e o polo tecnolóxico e industrial de Rozas”. Respecto deste último, salientou que xa se están a ver resultados palpábeis e que nel, o Goberno galego está a realizar un investimento de 150 millóns de euros en colaboración con Indra e Inaer. Tamén lembrou que a día de hoxe o proxecto das Rozas xa conta con 80 profesionais traballando e 12 empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento de Galicia mobilizando 12 millóns de euros. Conde engadiu que se van investir, de xeito inmediato, un total de 14 millóns de euros nas primeiras 7 licitacións en proxectos que mellorarán os recursos acuáticos, o territorio e o tráfico aéreo.

PUBLICIDADE