Os eurodeputados poderían ter cadanseu iPad

martes, 25 de maio do 2010 Marcus Fernández

O primeiro ministro noruego, Jens Stoltenberg, utilizou un iPad coma oficina móbil durante as horas nas que a nube volcánica islandesa impediulle retornar ao seu país

Unha información publicada polo The Sunday Times está a provocar bastante rebumbio nos medios españois, pois a cabeceira londiniense asegura que a través do proxecto de mobilidade TIC do Parlamento Europeo, que conta cun orzamento de 5 millóns de euros, por iniciativa do alemán Klaus Welle estaríase a estudarse a posibilidade de que os parlamentarios recibisen cadanseu iPad (o que suporía un gasto mínimo de 352.544 euros), pese a que hai pouco tempo recibiron un novo portátil de HP.
Polo momento xa sabemos que a británica Marta Andreasen posicionouse en contra da pretendida medida, por considerar que o iPad resultaría «totalmente innecesario, especialmente cando os contribuíntes europeos están a afrontar tempos difíciles».
Unha voceira do Parlamento Europeo consultada sobre o tema asegurou que non está prevista a adquisición en breve de iPads para os parlamentarios, e é de supor que sexa así tras as críticas unánimes contra a posible medida, pois non hai que esquecer que o iPad está pensado para consumir contidos e non coma ferramenta de traballo (especialmente para persoas que teñen que producir textos de grande extensión).

PUBLICIDADE