Os estudos aeroespaciais da UVigo rompen coa fenda de xénero nas carreiras STEM

martes, 13 de decembro do 2022 S. P.

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica do Campus de Ourense (UVigo) vén de facer balance da presenza de mulleres nas súas carreiras STEM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) e o primeiro que chama a atención é o claro distanciamento que acadan as súas cifras con respecto á media estatal. Así, mentres que en España a cifra de mozas que escollen estudar estas carreiras é de arredor dun 15%, no Grao en Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, os números rozan a paridade. Este ano, ademais de repetir como un dos títulos con maior demanda e maior nota de acceso no Sistema Universitario de Galicia, conta cun 45% de mulleres en primeiro curso.
“Esta é unha cifra récord na traxectoria da nosa escola pero tamén é unha cifra extraordinariamente boa no contexto das carreiras STEM no que nos movemos. Realmente sorprendeunos gratamente”, sinala Nieves Lorenzo, secretaria do centro e responsábel de Igualdade nel. Segundo lembra, a taxa de alumnas oscilou desde a posta en marcha da escola entre un 30% nos seus inicios e un 25% nos últimos anos. Sobre a excepcionalidade da case paridade acadada no alumnado que comezou este curso, sinala que “quizais sexa moi axiña para saber se se debe ao esforzo feito nos últimos anos para romper esta fenda de xénero pero si é certo que está habendo un esforzo importante por parte das institucións universitarias para atraer alumnas ás carreiras nas que teñen unha menor representación e tamén é certo que desde colexios e institutos reclaman esas iniciativas con forza”. Entre estas iniciativas apunta eXXperimenta en Feminino, nada nas facultades de ciencias e enxeñaría do Campus de Ourense, entre elas Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, e centrada na promoción, reivindicación e posta en valor de referentes femininos no eido STEM.
Pola súa banda, Humberto Michinel, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense, destaca a satisfacción do centro por acadar esta cifra e ter éxito na captación de alumnado excelente non só masculino senón tamén feminino. “É certo que nas carreiras denominadas STEM non é habitual ter paridade pero nós temos feito un grande esforzo neste senso”, poñendo en valor de xeito particular o “o excelente traballo” da profesora Nieves Lorenzo. Neste senso, destaca que iniciativas como eXXperimenta en Feminino “teñen sido moi importantes para ir incrementando paulatinamente a porcentaxe de alumnas que, se ben inicialmente non era baixa, foi medrando ata case o 50% actual”.

PUBLICIDADE