Os estudantes xa poden pre-inscribirse no Campus Terra a través de Paraestudarlugo.com

luns, 19 de xuño do 2017 Redacción

Xa está aberto o prazo de preinscrición para que os futuros estudantes que queiran cursar estudos no Campus de Lugo poidan preparar o camiño da súa matrícula. E todo a través da plataforma posta en xogo para impulsar e visualizar perante a mocidade o potencial das facultades e os centros universitarios locais, www.paraestudarlugo.com. A web, que sigue a cobrar relevancia co remate do curso 2016-2017 e coa inminente preparación da vindeira tempada académica, compleméntase coas achegas informativas dos portais da USC e da Deputación. Segundo nos contan estas entidades, responsábeis de Paraestudarlugo.com, a idea é recordar en todos os recantos da Rede que o Campus Terra de Lugo é “un dos mellores de España” (tal e como o recoñeceu, explican, o U-Ranking, a máis recente enquisa sobre a calidade dos estudos de grao no Estado).
O Goberno da Deputación lembrou hoxe que ao abeiro desta iniciativa (esta iniciativa de pulo ao campus local) ofrece a primeiros estudantes bolsas coas que financiarlles a metade da matrícula de 10 titulacións. Os interesados teñen de prazo até o 3 de xullo para preinscribirse e solicitar o desconto do 50% dos custos, que asume o Executivo provincial.
As 10 titulacións nas que o Goberno da Deputación ofrece becas para financiar o 50% dos custos da matrícula son as seguintes:
- Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais
- Grao en Enxeñaría Civil
- Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía
- Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria
- Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural
- Grao en Lingua e Literatura Españolas
- Grao en Ciencias da Cultura e Difusión cultural
- Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos
- Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas
- Grao en Administración e Dirección de Empresas
A Deputación tamén recordou que o ano pasado máis de 250 estudantes víronse beneficiada/os das bolsas de estudo do Goberno da Deputación no Campus Terra. Asemade, grazas ás tres anteriores edicións da campaña Para estudar, Lugo, o campus pasou dun nivel de ocupación do 63% no 2013 ao 71% que ten na actualidade. “O número de estudantes nas 10 titulacións con descontos no custo da matrícula aumentou nun 9%”, engadiu a entidade provincial.

PUBLICIDADE