Os estudantes da UVigo revolucionan o concurso de mobilidade de Siemens con tecnoloxías de IA e Big Data

venres, 13 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O certame Ingenio para la movilidad impulsado por Siemens Mobility España vén de saldarse con notábel presenza galega entre os investigadores premiados que participaron nel. Nun plano máis concreto, dous equipos de estudantes da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, pertencentes á rama do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers), gañaron dous dos catro premios da primeira entrega da dita competición, convocada co obxectivo de crear ideas para mellorar a eficiencia enerxética dos trens.
Gelo Cubreiro, Juan José Paradela e Juan Alberto Abia, alumnos de mestrado e grao da EEI lograron o primeiro premio cun sistema de comunicación home-máquina que serviría como guía ao maquinista. Segundo informaron, este sistema contén o perfil óptimo de velocidades calculado mediante aprendizaxe reforzada, un tipo de Intelixencia Artificial (IA), adestrado sobre unha simulación.
Pola súa banda, o equipo formado por Mateo González, Elena Rodríguez e Miguel Salvatierra, enxeñeiros industriais que están a cursar o Mestrado en Telecomunicacións, lograron o terceiro posto da competición cunha idea para pór en marcha un sistema de baterías e supercondesadores que acheguen autonomía ao tren en zonas sen catenaria. O proxecto propón a conexión e máis a desconexión dos vehículos, segundo a demanda prevista, utilizando técnicas de análise de datos masivos (Big Data), reducindo a potencia máxima requerida.
Tras unha primeira fase na que os equipos participantes deseñaron unha presentación de cadansúa idea, indicando as solucións técnicas propostas, nunha segunda fase cada equipo tivo que gravar un vídeo en formato elevator pitch.
Unha vez avaliadas as propostas presentadas, clasificáronse catro equipos aos que se lles outorgaron tres primeiros premios (primeiro e terceiro para o alumnado da UVigo e segundo para un estudante da Universidade Politécnica de Madrid) e un cuarto premio como mención especial reservada á idea máis orixinal, que recaeu nun equipo de la Escuela Universitaria Politécnica de Teruel.

PUBLICIDADE