Os establecementos de Padrón incrementan a súa visibilidade grazas ao marketplace local

luns, 12 de abril do 2021 S. P.

O Concello de Padrón vén de facer un breve balance do acadado en materia de revitalización comercial a través do servizo de marketplace posto en marcha o verán pasado, a través do Plan de Reactivación da Concellería de Turismo e co obxectivo de axudar ao tecido produtivo padronés a promover produtos e ofertas.
Segundo fai saber este departamento, o comercio foi quen de ampliar a súa visibilidade grazas á ferramenta, ao tempo que foi capaz de incrementar o número de clientes e, tamén, as opcións de comunicación e interacción cos residentes e visitantes.
“Animo a todas as persoas que dirixen un comercio en Padrón a darse de alta nesta plataforma para mellorar as vendas do seu negocio, posto que deste xeito poderán informar a toda a súa posíbel clientela de todas as ofertas que teñan vixentes e, sen dúbida, fomentarán as compras”, incidiu Lorena Couso, concelleira de Turismo.
A nova plataforma, na que os distintos comercios de Padrón poderán anunciar os seus produtos e ofrecerlles un interesante abano de opcións aos seus potenciais clientes, está dispoñíbel marketplace.padronturismo.gal.
Como darse de alta
O Concello tamén explicou como darse de alta aos establecementos interesados en adhersirse. Segundo fixo saber, o rexistro de novos locais faise na propia plataforma, onde haberá que premer en Engadir Comercio e dende aí cubrir o formulario de inscrición así como engadir fotos e información adicional (nome, datos de contacto, actividade, redes sociais, fotografías, horario, promocións, ofertas, etc) para que, posteriormente, se valide por parte da Oficina de Turismo.

PUBLICIDADE