Os espectadores galegos votan por Internet polas xoias do patrimonio galego

luns, 20 de outubro do 2008 Raquel Noya

Web de Voz Audiovisual dende a que se pode votar polas xoiais do patromonio galego

A Televisión de Galicia vén de anunciar que xa falta menos para comezar a emitir as catro galas especiais que darán a coñecer a “maior xoia” que temos na nosa Terra, escollida polos espectadores a través de Internet.
Praias, fragas, parques, castros, faros, construcción relixiosas... son moitas as “reliquias” que podemos disfrutar sen movernos da nosa Comunidade; máis saber cal delas é a máis espectacular é unha tarefa que a TVG vén de encomendarlle aos seus espectadores.
Proximamente, a canle autonómica vai estrear un programa producido por Voz Audiovisual no que á fin poderemos ver que é o máis “fermoso” que temos en Galicia, escollido polos internautas a través da web oficial da produtora.
As 24 xoias propostas para alzarse co título de Prodixio son: por parte de A Coruña: as fragas do río Eume, o Parque do Pasatempo de Betanzos, as dunas de Corrubedo, o Castro de Baroña, a Torre de Hércules e a Catedral de Santiago. Por Lugo, as candidatas son: o Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos, a Praia das Catedrais, o conxunto histórico de Mondoñedo, a serra dos Ancares, a Muralla de Lugo e o castro de Viladonga. Por Ourense: o Mosteiro de oseira, o Castelo de Monterrei, a ponte do río Bibei, os cañóns do Sil, e os conxuntos históricos de Rivadavia e Allariz. En Pontevedra: o castro de Santa Tegra, os Muíños de Folón, o Pazo de Oca, o Castelo de Soutomaior, as Illas Cíes e o conxunto histórico de Tui.
As catro provincias parten en igualdade de condicións pero será o público o que decida as propostas que concursen finalmente e as que queden fora da competición.
O voto por Internet é totalmente de balde e o sistema de votación permítelle ao espectador outorgar a cada proposta entre un e cinco puntos máis impídelle votar varias veces pola mesma candidatura a fin de asegurar o xogo limpo.

PUBLICIDADE