Os escolares galegos contan as horas para recibir a Papá Noel por videoconferencia

luns, 13 de decembro do 2010 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Medios xa o vén anunciando dende hai semanas: “as nenas e nenos galegos van a ter o privilexio de falar con Papá Noel a través de videoconferencia para pedirlle os seus agasallos en persoa antes que ninguén”.
Poderán facelo ata o vindeiro venres, 17 de decembro, dende o Centro Multimedia de Galicia, onde se proporcionará o soporte técnico para realizar as conexións directamente con Laponia.
Estas terán lugar en 25 localidades galegas, nas que os máis cativos da casa poderán facer as súas peticións de Nadal directamente e sen intermediarios botando man das novas tecnoloxías.
As agardadas videoconferencias darán comezo hoxe mesmo, a razón de media hora en cada telecentro. Escolares de Educación Infantil de Muros, Ourense, Xinzo, Celanova e Tui serán os primeiros en recibir esta inusual visita, porén a rede de aulas de comunicación multimedia que hai dispersa pola xeografía galega tamén permitirá que os nenos e nenas de Lalín, A Estrada, Fonsagrada, Betanzos, Abegondo, Vimianzo, Brión, Verín, Negreira, A Cañiza, Vedra, Marín, Foz, Guitiriz, Oroso, O Barco, Catoira, Quiroga, Carballo e Becerreá poidan realizar as súas peticións de Nadal nos vindeiros días.
O obxectivo desta actividade, que conta cun gran interese entre a comunidade educativa, será o de establecer unha comunicación fluída e cara a cara entre Papá Noel e os nenos destas comarcas, poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos do mundo.
Na imaxe, a oficina de Papá Noel en Laponia.

PUBLICIDADE