Os enxeñeiros industriais avalían en Santiago o papel que xogarán na revolución tecnolóxica

venres, 25 de outubro do 2019 Redacción

A sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) en Santiago de Compostela acolleu hoxe a presentación do libro As claves da cuarta revolución industrial, escrito en conxunto polos enxeñeiros industriais Wilfredo Santana, Rubén A. Gayoso, José Manuel Castro e Fernando Blanco Silva. O acto foi presentado por Gustavo Marcos. Segundo se fixo saber no seu transcurso, o libro elaborouse como un texto divulgativo no que se analiza a cuarta revolución industrial desde un punto de vista técnico, estudando os avances tecnolóxicos da sociedade actual para determinar o seu impacto nos negocios, sectores económicos, emprego, educación ou persoas.
Trala sesión de presentación na sede compostelá do ICOIIG, os autores e as persoas asistentes compartiron unha sesión de networking na que analizaron de maneira distendida as claves da transformación tecnolóxica que estamos a experimentar e o importante papel do colectivo profesional que representa o devandito colexio nesta realidade.
120 accións
A actividade de hoxe enmárcanse nun intenso calendario de 120 accións coas que o ICOIIG está a chegar ás sete principais cidades galegas ao longo deste ano 2019. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afonda en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Esta iniciativa execútase en paralelo ao Programa de Axudas Asesores Dixitais, dotado con outro cinco millóns de euros a través do mesmo tipo de Fondos Europeos e ten por obxectivo realizar plans de dixitalización que axuden ás PEME a incorporar o TIC nos seus procesos: xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico e dixitalización de servizos ou solucións.

PUBLICIDADE