Os enxeñeiros galegos en Informática celebran o Día de Internet cunha declaración institucional
mércores, 16 de maio do 2012

- Fernando Suárez, presidente do CPEIG
O Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, quere celebrar a coincidencia
festiva do 17 de maio, especialmente relevante para a cidadanía galega (xa que
se celebra o Día das Letras Galegas, o Día de Internet e o Día das
Telecomunicacións), cunha
declaración institucional na que se nos convida, colectivamente, a festexar
o coñecemento e tódalas innovación tecnolóxicas que xurdiron arredor del, en
boa medida representativas das mellores creacións do ser humano ao longo da
historia.
Precisamente a historia e
a información achegada polo home dende que se comezaron a rexistrar datos, na
orixe das civilizacións, constitúe o eixe temático principal da declaración.
Reproducímola aquí na súa integridade.
O ser humano xerou, desde o principio da súa historia ata o ano 2003,
uns cinco exabytes de información, é dicir, cinco mil millóns de xigabytes,
segundo os cálculos de IBM. O ano pasado, 2011, xeramos aproximadamente ese
mesmo volume de información cada dous días; o vindeiro ano 2013 xeraremos esas
mesmas cantidades cada dez minutos.
Sen dúbida, a proliferación de dispositivos móbiles, dentro da que o
noso país figura nas primeiras posicións a nivel mundial, xunto coa propia natureza relacional do ser humano, fai
que a ubicuidade do acceso á Rede sexa unha realidade que contribúe a esa inxente
xeración de información. Dita realidade fomenta o auxe de novas disciplinas que
xerarán innovación e emprego nos vindeiros anos, como son o caso de Big Data,
Open Data ou a Internet das Cousas, da que oiremos falar decote nos vindeiros
meses.
Desde o CPEIG consideramos necesarias unha educación e concienciación a todos os niveis para evitar
aumentar -e mesmo atallar- a fenda existente non só entre xeracións, senón tamén
entre distintos colectivos sociais por razóns de ingresos, situación xeográfica
ou xénero en canto ás TIC se refire.
Polo tanto, é fundamental a participación feminina en todos os niveis
da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación
e como líderes dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á
cabeza da saída da actual crise.
A igualdade de xénero é un dereito humano básico consagrado na Carta
das Nacións Unidas e unha das principais metas dos Obxectivos de
Desenvolvemento do Milenio (ODM) das Nacións Unidas. Debemos ser conscientes de
que as TIC son ferramentas que poden acelerar o progreso cara ao logro deses
obxectivos.
O enfoque deste ano do Día Mundial da Internet, “As mulleres e as nenas
nas TIC”, vai dirixido a garantir que esa importante metade feminina da
poboación mundial avance cara á igualdade real.
O CPEIG únese a ese enfoque subliñando que a muller debe ocupar un
lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento; só así se poderá
garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias.
