Os enxeñeiros galegos de Telecomunicación entregan os seus premios o 20 de outubro na Coruña

mércores, 27 de setembro do 2023 S. P.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia vén de publicar o fallo dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2023, que este ano volverán recoñecer o traballo de empresas, institucións e persoas no desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) tanto en territorio galego como máis aló das nosas fronteiras. A entrega de premios realizarase, como é tradición, no marco da gran gala que a comunidade de telecos celebra cada ano: A Noite Galega das Telecomunicacións. A XXVII edición do evento terá lugar o 20 de outubro no Hotel Finisterre da Coruña.
Na Noite Galega das Telecomunicacións é unha cita anual na que o colectivo galego de enxeñeiras e enxeñeiros aproveita para profundar nos grandes retos tecnolóxicos aos que se enfronta Galicia. Unha reflexión colectiva na que participan empresas, patrocinadores, institucións e, por suposto, persoas a título individual. Enxeñeiros de Telecomunicación, pero tamén destacadas personalidades que son un referente no universo tecnolóxico da comunidade. En total, máis de 250 persoas reuniranse o 20 de outubro no Hotel Finisterre de A Coruña para facer networking, compartir bos momentos e analizar as profundas transformacións dunha era chea de desafíos e oportunidades.
Este ano, A Noite centrarase precisamente nun dos máis relevantes. Baixo o lema Enerxías Intelixentes, o colectivo quere pór o foco nos retos desencadeados pola sustentabilidade e o cambio estrutural do modelo enerxético, unha nova folla de roteiro definida en gran medida polo papel que xa están a xogar as tecnoloxías.

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2023

Premio Enxeñeiro do Ano

José Luis Fernández Carnero

José Luis Fernández Carnero, director xeral de Estratexia da Televés Corporación, recibirá este ano o galardón pola “súa extensa carreira profesional e a súa decidida achega ao desenvolvemento tecnolóxico de Galicia”, sinalou o xurado. Desde 1981 desenvolveu a súa carreira profesional como directivo en Televés, unha das grandes multinacionais galegas e un referente tanto na área do deseño e fabricación de produtos tecnolóxicos de alto valor no ámbito das telecomunicacións como no eido da internacionalización. Vigués de nacemento, José Luis Fernández Carnero escribiu libros e multitude de artigos técnicos que o converteron nunha referencia dentro do ámbito da innovación e o universo TIC, un protagonismo que o levou a ocupar responsabilidades tan relevantes como a vicepresidencia da Fundación Gradiant ou a da Comisión de Industria de AMETIC.

Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais

Unha das actividades de Talentos Inclusivos

O proxecto Talentos Inclusivos foi distinguido con este recoñecemento polo seu decidido enfoque na solución dun problema concreto: atender as necesidades especiais das persoas afectadas polo dano cerebral. Talentos Inclusivos é un proxecto do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade da Coruña (UDc) e ASPACE promovido pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía). No marco do mesmo, alumnado de Secundaria e Bacharelato de varios institutos de Galicia traballou na procura de solucións tecnolóxicas ante unha serie de retos expostos polos usuarios de ASPACE. Así explica o xurado os porqués do recoñecemento: “Trátase dunha valiosa iniciativa educativa cunha vocación dual. Por unha banda, o traballo dos alumnos foi un poderoso catalizador para espertar vocacións STEM entre os mozos á vez que se lles sensibilizaba sobre as necesidades e problemas das persoas con parálise cerebral. E todo iso, impulsado dentro dun marco de traballo totalmente colaborativo e de equipo enfocado desde un punto de vista netamente tecnolóxico. Por outra banda, Talentos Inclusivos permitiu explorar na vertente práctica da tecnoloxía desenvolvendo aplicacións e ideas que atendan as necesidades específicas das persoas afectadas polo dano cerebral”.

Premio Mellor Expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo

Marielena Márquez Barreiro

Marielena Márquez Barreiro recibirá este galardón na gala deste ano polo seu envexable expediente académico. Non en balde, recibiu a máxima cualificación media do mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación ao longo do curso pasado. Marielena está a traballar actualmente no Centro Tecnolóxico Gradiant como enxeñeira investigadora. En concreto, na Liña de Cloud-Native Technologies, investigando e integrando tecnoloxías cloud-native para a xestión da despregadura e orquestración de servizos e aplicacións en diversos ámbitos, como as redes móbiles 5G ou modelos de Intelixencia Artificial. O seu traballo céntrase nos modelos e arquitecturas de Cloud e Edge Computing, utilizando tecnoloxías como Docker ou Kubernetes.

Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións

Manuel González Penedo, director-coordinador do CITIC

Liderado na innovación e o desenvolvemento e despregadura das tecnoloxías TIC a través do CITIC, do Campus Innova da Cidade das TIC e unha decidida e valiosa contribución para lograr que A Coruña fose designada para albergar a Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). Estes foron os dous poderosos argumentos que levaron á concesión á Universidade da Coruña do Premio Axians. Unha distinción que pon en valor “o impulso e a enerxía que empregou a institución na creación dun ecosistema tecnolóxico que será clave para a Galicia do futuro”.

Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a Sustentabilidade e Coidado da Terra

Miguel Ángel López Pena, director de Innovación de SATEC

O proxecto Vid-Expert impulsado pola consultora tecnolóxica SATEC recibiu o premio Vantage Towers pola “súa valiosa achega na redución da pegada de carbono dentro do sector da viticultura”. Vid-Expert é unha ferramenta tecnolóxica de alto nivel que, apoiándose na Intelixencia Artificial e o Big Data, non só cuantifica as emisións de carbono das adegas e os viñedos, senón que realiza recomendacións para reducilas e, por tanto, “traballa dunha forma moi activa na sustentabilidade e o coidado do medio ambiente”, salienta o xurado, engadindo que o proxecto de I+D+i, de feito, “supoñerá unha valiosa contribución ao sector por canto os actuais protocolos para o cálculo de pegada de carbono utilizados na actividade vinícola son de difícil emprego”.

Premio Socio de Honra

O avogado e divulgador especializado nas TIC Víctor Salgado

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia decidiron romper un tanto a tradición deste premio para poñer en valor o perfil e a traxectoria de Víctor Salgado Seguín, avogado especializado en dereito tecnolóxico. “Salgado Seguín, socio director en Pintos & Salgado Avogados, é un recoñecido experto na normativa relacionada coas TIC e en todo o que ten que ver tanto coas cuestións xurídicas como coas súas consideracións éticas”, destaca o COETG, salientando que “o seu traballo en ámbitos como a salvagarda dos dereitos das empresas no universo dixital ou a defensa dos dereitos dos cidadáns na Rede leváronlle, entre outros méritos, a recibir a consideración do colectivo de telecos”.

PUBLICIDADE