Os enxeñeiros galegos de Telecomunicación contarán con Bernardo Lorenzo para a súa celebración do día 21

xoves, 13 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O presidente da Comisión de Estado das Telecomunicacións, nunha foto vista en Nación Red

O Colexio Oficial e maila Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia contarán con Bernardo Lorenzo, presidente da CMT, para a entrega dos seus premios Galicia das Telecomunicacións 2011 e, por extensión, para a apertura oficial da edición dezaseis da Noite Galega das Telecomunicacións, que se celebra o vindeiro 21 de outubro do Gran Hotel da Toxa, no concello do Grove. A intervención de Bernardo Lorenzo, informan o COETG e o AETG, xirará arredor da temática deste ano, unha cuestión que nos toca de preto aos galegos por ser a clave, con toda probabilidade, para meternos de cheo na Sociedade do Coñecemento. Falamos da Nova economía sobre banda larga.
Con todo, o presidente da Comisión de Mercado das Telecomunicacións non será o único persoeiro do ámbito TIC co que contará a dita Noite, xa que tamén fará acto de presenza Fernando Pérez, director xeral de Gradiant e máis catedrático da Escola de Telecomunicacións de Vigo, que será nomeado Enxeñeiro do Ano no transcurso da celebración. Asemade, Jorge Cebreiros Arce, presidente da asociación galega Ineo, centrada no pulo ás nosas empresas do sector, será recoñecido como Socio de Honra 2011.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais correspóndelle nesta ocasión á solución de imaxe médica dixital Bay Dicom Media, da empresa Bahía Software. Ademais dos devanditos recoñecementos, o COETG-AETG fará entrega do Premio Ineo á Mellor Aplicación TIC á empresa Contact Comunicación polo seu proxecto ORAMA, distinción instituída pola AETG e patrocinada por Ineo, que recoñece “os produtos ou servizos innovadores desenvolvidos desde Galicia e destacados pola súa calidade e a súa achega ao crecemento económico”.
O Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC irá dar a mans da empresa Ilux Visual Technologies, polo seu proxecto Sistema Avanzado de Navegación sobre Terreos Interactivo.
O COETG e a AETG tamén farán entrega do Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC 2011 a Gonzalo Vázquez Vilar pola súa tese Interference and Network Management in Cognitive Communication Systems, distinción que recoñece os proxectos de investigación emerxentes no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación.

PUBLICIDADE