Os enxeñeiros de telecomunicación de Galicia co-organizan unhas xornadas sobre o poder transformador da 5G

mércores, 9 de xuño do 2021 S. P.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (COIT), o Colexio Oficial de Enxeñaría de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a operadora Telefónica veñen de convocar unhas xornadas para mostrar, avaliar e reivindicar o potencial do novo estándar móbil para resolver boa parte dos principais retos sociais, económicos, tecnolóxicos e medioambientais da actualidade. Nas xornadas O poder transformador da 5G divulgaranse casos reais e mostrar as súas posibilidades na dixitalización.
Celebraranse do 15 ao 17 de xuño en formato virtual. Nelas, como dixemos, abordaranse aspectos relacionados co impacto do 5G en todos os niveis, tanto industriais como económicos e sociais, ademais de presentarse casos de uso xa implantados con clientes reais en diversos ámbitos de actividade como Industria 4.0, educación, coche conectado ou eSaúde.
O evento conta con seis mesas (cinco abertas e unha por invitación) cun cadro de persoal de expertos procedentes de distintas administracións públicas, empresas, entidades privadas, universidades e centros de investigación.
O ciclo de conferencias e debates poderase seguir en aberto e de balde, previa inscrición, e co cancelo #Pilotos5G.
Galicia, escenario punteiro
Telefónica, a respecto dos seus estreitos vencellos con Galicia arredor da 5G, lembra que a nosa terra foi o escenario elixido (xunto cos seus socios Ericsson, Nokia, Cinfo, Idronia, Telnet e CIOA) para despregar os seus primeiros proxectos coa dita tecnolóxica en España, ao abeiro do Plan Nacional de Pilotos 5G. Así, desenvolvéronse un total de dez casos de éxito nos que ademais de despregar infraestrutura 5G ad-hoc permitiuse ás empresas probar servizos pioneiros e aos cidadáns gozar de novas capacidades e experiencias.
Seis bloques
No evento O poder transformador da 5G analizarase como esta tecnoloxía de telecomunicación está a transformar a sociedade desde moitas perspectivas englobadas en seis xornadas, cinco delas en aberto e de libre inscrición:
1. Casos de éxito en industria e cidadanía
2. Visión tecnolóxica e de negocio
3. O 5G en industria, mobilidade e drons
4. Os sectores económicos de Galicia á vangarda da 5G
5. A 5G e o impacto da tecnoloxía nas empresas.
6. Sesión enfocada ás Comisións de traballo do Congreso e o Senado (asistencia por invitación).
Ao longo de todo o ciclo, personalidades procedentes de todos os sectores económicos implicados estarán presentes nas mesas de debate, do mesmo xeito que figuras do mundo da investigación e a docencia. Desta forma, algúns destes relatores representarán a entidades e organismos de marcado renome, como a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais; Red.es, a Universidade de Vigo; o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, e o Instituto Tecnolóxico Hostaleiro, entre outras moitas entidades.
Tamén participarán como relatores, entre outros, a Organización Médica Colexial - Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos; o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid; a Sección Española de ISA (The International Society of Automation), e Instituto Tecnolóxico Hostaleiro, ademais dos clústeres ANFACO-CECOPESCA, Clúster Mar-Alimentario de Galicia e COINTEGA - Clúster Galego Téxtil Moda.
Este proxecto está impulsado por Red.es, organismo do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado pola Unión Europea.
Pola súa banda, Ericsson, Nokia, Telefónica, Cinfo, Idronia, Telnet Redes Intelixentes e o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada son socios do proxecto.

PUBLICIDADE