Os enxeñeiros de Telecomunicación celebran o centenario da súa profesión

mércores, 22 de abril do 2020 Redacción

O Colexio Oficial e a Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recoñecen a creación do título de Enxeñeiro de Telecomunicacións o 22 de abril de 1920 como o nacemento oficial da profesión e por iso desenvolverán unha serie de eventos conmemorativos ao longo de 2020.
Con esta celebración tanto o Colexio como as Asociacións queren facer un recoñecemento para todos os profesionais que ao longo de 100 anos contribuíron co seu talento e esforzo ao avance e consolidación do sector.
Un século despois do nacemento do título de Enxeñeiro de Telecomunicación, o nome da profesión segue sendo o mesmo, pero o papel das telecomunicacións creceu exponencialmente. Hoxe, convertéronse nun alicerce básico para toda a actividade humana. A industria, os servizos, o transporte, o comercio, o ensino, ou a sanidade, precisan dun sistema robusto de telecomunicacións para desenvolver a súa actividade con éxito.
Un exemplo deste papel crucial é a crise sanitaria ocasionada a pandemia da COVID-19. As Tecnoloxías da Información e as Comunicacións están a facer posible que a sociedade siga funcionando a pesar das necesarias restricións de movemento para a poboación e a paralización da economía.

Un ano cheo de celebracións

O Colexio e as Asociacións, co apoio de toda a súa estrutura territorial, puxeron en marcha unha serie de iniciativas e eventos cun enfoque común: Enxeñeiros de Telecomunicación: 100 anos conectando emocións. Para este fin, cóntase coa colaboración de universidades que imparten o título de Máster Universitario en Enxeñaría de Telecomunicación, de empresas do sector e da Administración Pública, así como do amplo colectivo de colexiados.
Hoxe, 22 de abril, celebrarase o centenario do título cunha xornada virtual na que varios Enxeñeiros de Telecomunicación con diferentes perfís (recoñecidos directivos do sector, emprendedores, responsables públicos...) debaterán sobre o papel da profesión ao longo deste século e, especialmente, sobre o seu papel no futuro.
Igualmente, o COIT/AEIT está a preparar, posiblemente para o mes próximo se as circunstancias o permiten, un acto en colaboración co Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, dado que en maio tamén se celebra o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
Ademais dos actos citados, e outras actividades que se irán anunciado nos próximos meses, tamén se prevé a realización dun vídeo conmemorativo protagonizado polos propios colexiados, a publicación de distintos libros e de reportaxes e artigos na revistas e webs corporativas. Igualmente, propúxose a emisión dunha medalla, dun décimo de lotaría e un selo conmemorativo, ademais da posta en marcha dos premios “Impacto Social da Tecnoloxía”. Ao longo dos próximos meses, este programa irase ampliando con novas convocatorias e iniciativas.
Ademais de reivindicar unha historia centenaria e chea de fitos relevantes, o Colexio e as Asociacións tamén queren aproveitar a celebración dos 100 anos do título oficial para visibilizar o traballo dos Enxeñeiros de Telecomunicación. Tan importante como coñecer o noso pasado é diagnosticar o presente e afondar na prospección do futuro, porque a dixitalización xa está a cambiar o mundo e isto colócanos en primeira liña das múltiples transformacións que está vivindo a sociedade.

PUBLICIDADE