Os enxeñeiros de Telecomunicación promoverán a incorporación das TIC no ámbito médico da Coruña

mércores, 25 de marzo do 2015 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia vai traballar arreo na incorporación das novas tecnoloxías no ámbito galego da saúde. Así se deu a coñecer este mércores na Coruña durante a sinatura dun convenio entre a devandita entidade profesional e o Colexio Oficial de Médicos da Provincia. No acto participaron os presidentes de ámbalas plataformas, por unha banda Ramón Bermúdez de Castro (COETG/AETG) e pola outra Luciano Vidán. Os dous aproveitaron a sinatura do acordo para valorar positivamente a colaboración, que redundará, coincidiron, “no beneficio dos colectivos profesionais aos que representan, e tamén no do conxunto da cidadanía”.
Bermúdez e Vidán tamén achegaron detalles sobre as actividades concretas a desenvolver, as primeiras das cales son unhas xornadas técnicas de carácter práctico para divulgar o uso de aplicacións móbiles no eido da clínica médica. Desenvolveranse os días 23 e 24 de abril, en sesión de tarde, na sede do Colexio Médico, na avenida de Salvador de Madariaga 66 na Coruña. Serán impartidas por enxeñeiros de telecomunicación do Colexio Oficial de Galicia e levaranse a cabo en dúas salas distintas, para facilitar a participación dos asistentes.
O primeiro día, a partir das 17.00 horas, os temas a tratar serán a aplicación de dispositivos móbiles na consulta médica, a procura de información e axuda ao diagnóstico, a xestión de citas e utilidades, e a atención á diabetes, hipertensión (tensión alta), dermatoloxía e hipercolesterolemia (colesterol alto).
O día 24 de abril, a previsión é avaliar algunhas recomendacións prácticas na selección de aplicacións, amais de falar do seu uso para o rexistro e seguimento dos datos, control do tratamento, control da insuficiencia cardíaca, a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), a artrose e a osteoporose.
Volvendo ao evento celebrado este mércores, o presidente da AETG asegurou durante a rolda de prensa que “temos unha excelente sanidade, unha das mellores do mundo, pero podemos perder esa posición de vangarda se non a facemos sustentable e conectada co futuro, coas novas tecnoloxías e os novos tratamentos”. Na súa opinión, “os enxeñeiros de telecomunicación están preparados para esa nova revolución tecnolóxica e sanitaria”. Deste xeito, pódese contar co colectivo, engadiu, “para que o noso sistema de saúde non pereza ou perda en calidade coa crise, senón que salia anovado e fortalecido”.
Pola súa banda, Luciano Vidán, sinalou que “Con Internet apareceu un novo tipo de enfermo, o paciente Internet positivo, que terá unha maior e máis fiable información científica, e poderá elixir os mellores médicos e hospitais, porque estes datos serán públicos na Rede”. Ao seu xuízo, “mesmo será posible o control da saúde a distancia, con biosensores localizados nos vestidos ou nos domicilios”.
No futuro, fixeron saber Vidán e Bermúdez, o convenio marco entre os dous colexios dará acubillo a outras iniciativas, entre as que se contan cursos de formación, conferencias, seminarios, publicacións divulgativas, proxectos de investigación “e calquera outro asunto que poida resultar de interese para a colexiación de médicos e enxeñeiros de telecomunicación”, explicaron.

PUBLICIDADE