Os empresarios de Mos reciben coñecementos sobre sistemas para impulsar a innovación

luns, 27 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) acolleu os días pasados unha actividade encamiñada a difundir coñecemento sobre novas tecnoloxías e programas ao servizo da xestión da innovación. Baixo o título Apoios públicos na innovación, a xornada contou coa participación duns trinta profesionais, aos que se lles informou polo miúdo acerca das políticas, programas e axentes que facilitan hoxe en día o proceso innovador dunha empresa, procedentes tanto do sector público como do privado. O seminario, que serve de continuidade ao obradoiro sobre redes sociais no negocio celebrado o pasado mes de xuño na mesma sede, forma parte dunha iniciativa para o fomento da cultura innovadora posta en marcha pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).
A actividade contou co soporte de Pablo López, consultor e formador en áreas de organización, quen interveu na primeira parte dando a coñecer os sistemas europeos (Programa Marco), nacionais (Estratexia Nacional de Innovación) e galegos (Plan Incite deste ano e, a seguir, Rede Siga) dinamizadores da innovación.
Tamén participou no evento Rosa Freire, técnico superior do Centro de Innovación e Servizos de Galicia, quen centrou o seu relatorio en pór de exemplo o funcionamento de dous servizos achegados dende o CIS: o sistema de vixilancia tecnolóxica VIXIA (que monotoriza a información estratéxica dunha empresa) e o sistema de transferencia de tecnoloxía Enterprise Europe Network (que facilita asesoramento ás empresas para desenvolver o seu potencial de medre, favorecendo a cooperación empresarial e a apertura de mercados).

PUBLICIDADE