Os empresarios de Ferrolterra poñen en marcha unha plataforma de formación en liña

martes, 12 de febreiro do 2013 Redacción

A Confederación Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) está a facer pública estes días a súa plataforma de formación en liña, un recurso posto en marcha co obxectivo de contribuír á actualización e ampliación dos coñecementos en materia tecnolóxica e actividades económicas dos seus asociados. Ao abeiro desta plataforma, a confederación abriu a matrícula para a inscrición nos seus cursos en liña, constituíndose “un amplo catálogo de accións formativas orientadas a mellorar a preparación de empresarios, autónomos e directivos de empresas integradas en COFER”.
As persoas interesadas (socios de COFER ou dalgunha das súas entidades membro) poderán acceder aos cursos da plataforma de e-learning e a cada un dos temarios a través do apartado específico de formación da web da confederación. Entre as materias ofertadas achéganse as seguintes: inglés básico, prevención de riscos básico e para hostalaría, xestión de calidade en hostalaría e turismo, lexislación medioambiental, informática (ofimática, Excel 2007 avanzado, Outlook 2007 e Power Point), protección de datos, comercio electrónico, xestión de proxectos e máis habilidades directivas. A matrícula pódese facer contactando coa secretaría de COFER a través da conta de correo cofer@cofernet.com.

PUBLICIDADE