Os empresarios de Deza apostan polo galego na Rede

luns, 25 de xaneiro do 2016 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou o pasado sábado na presentación da renovada páxina web corporativa da Asociación de Empresarios de Deza (AED), que pasa a ter dominio .gal, así como do novo portal específico en materia de emprego. Ámbalas dúas iniciativas que contan co apoio económico da Consellería (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística), posto que son un exemplo da potenciación do uso do galego desde o mundo empresarial, tal e como persegue o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020.
Neste sentido, Román Rodríguez (que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García) lembrou o traballo desenvolvido polo seu departamento, en conxunto cos diferentes axentes implicados no sector económico, para artellar un documento que se implementará progresivamente nas diferentes áreas ao longo dos vindeiros cinco anos.
Trátase de 84 medidas distribuídas en 10 áreas (hostalaría, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, área de traballo e cooperativismo) que perseguen un obxectivo común: potenciar o uso do idioma propio no eido empresarial entendéndoo como un valor económico, tanto dentro como alén das nosas fronteiras. Porque o certo é que o galego, en palabras do conselleiro, “ábrenos as portas en mercados emerxentes do mundo lusófono”, o que implica tamén a posibilidade de obter beneficios económicos.
Pero ademais, esta dinamización do idioma na empresa debe entenderse tamén como unha oportunidade para aumentar o seu uso na sociedade en xeral, tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos. De feito, un dos obxectivos específicos recollidos no Plan, ademais de estender o emprego da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais; é o de fomentar nos consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.

Chamamento á implicación da sociedade

Neste contexto, o conselleiro fixo fincapé na utilidade de contar con páxinas webs empresariais en galego (como é o caso da AED) porque favorecen o uso do idioma entre os usuarios, revertendo tamén no público xeral. Deste xeito, agradeceu o respaldo das diferentes empresas e asociacións a esta estratexia, posto que –destacou Román Rodríguez– “só desde a colaboración e a implicación de toda a sociedade galega poderemos preservar un dos nosos bens patrimoniais máis prezados: a nosa lingua”.

PUBLICIDADE