Os emprendedores de Incuvi dispostos para ocupar as instalacións do campus vigués

martes, 9 de abril do 2013 Redacción

Foi este luns -8 de abril- cando os oito inquilinos de Incuvi recibían o equipamento técnico outorgado como premio logo de gañar o concurso Incuvi-Emprende, que os acredita como as mellores iniciativas emprendedoras da Universidade de Vigo neste ano 2013. Era Manuel Ángel Alonso -director de Telefónica en Galicia- quen facía entrega dos agasallos (cadanseu teléfono intelixente e unha liña de prepago de Movistar) aos que hai que engadir unha estadía dun ano nas instalacións habilitadas para este fin no campus e na Asociación de Mozos Empresarios de Pontevedra, teléfonos, tablets, conexión a internet, liña telefónica, dispositivos de webTV ou bonos de formación achegados polas empresas colaboradoras.
Asemade, o representante de Telefónica aproveitou para visitar o campus de Vigo e coñecer de primeira man ás seis empresas elixidas e achegarse ás instalacións de AJE Pontevedra, onde se atopan os nichos do campus pontevedrés. Durante a xornada, os alumnos e alumnas presentaron a Manuel Ángel Alonso as súas iniciativas emprendedoras, polas cal o representante de Telefónica amosou interese. Dicir que os seis nichos vigueses están ocupados por Monet (aplicación de tecnoloxías sen fíos a explotacións agrícolas, gandeiras e acuícolas); Smart Rubbish (centrada na recollida selectiva de lixos); Vid (buscador de datos para pequenas e medianas empresas); Econova (rede de explotación sustentable e limpeza de montes comunais); Edificio Modular Sustentable (execución de vivendas e servizos dun só piso) e Frogspace (desenvolvemento e validación de picosatélites). Pola súa banda, os dous proxectos do campus de Pontevedra son Interartyve Books (editorial dixital especializada en arte contemporánea) e Fogar 12 (arte e repostería).

PUBLICIDADE