Os drons de Aerocamaras retransmitirán en directo a apertura do Ecoystems2030 en PALEXCO

martes, 31 de maio do 2022 S. P.

Os drons da firma galega Aerocamaras estarán presentes na apertura da segunda edición do evento de innovación tecnolóxica Ecosystems2030, que se celebra en PALEXCO (A Coruña) esta semana: os días 2 e 3 de xuño. Aerocamaras retransmitirá cos seus aparellos un “espectacular voo único en directo polos interiores do recinto”, sinalou a empresa con sede en Lalín.
Esta será unha das novidades da xornada inaugural da segunda edición deste cume tecnolóxico de relevancia internacional, que reunirá na Coruña a medio centenar de empresas mundiais de primeira liña e expertos de compañías tecnolóxicas como Google, Amazon, Samsung, IBM ou Siemens. O obxectivo non será outro que “analizar a influencia da Intelixencia Artificial, a robótica, a Realidade Aumentada ou os vehículos aéreos autónomos, entre outras novas tecnoloxías que transformarán a sociedade nos vindeiros 10 anos”.
A intervención de Aerocamaras
Durante o evento tecnolóxico, a galega Aerocámaras porá a voar as súas drons para transmitir en directo imaxes aéreas en alta definición. “Este”, sinalan dende a empresa galega, “será un exemplo práctico de como a tecnoloxía de vehículos aéreos non tripulados está a revolucionar diferentes industrias e sectores, como por exemplo o audiovisual”.
Jaime Pereira, director executivo de Aerocamaras, sinala que “as gravacións que farán os nosos drons serán inéditas, utilizando a nova tecnoloxía FPV, que permite gravar os voos aéreos con visión en primeira persoa. Como patrocinador do Ecosystems 2030 queremos sorprender a todos os asistentes cun espectacular percorrido en directo polo exterior e interior de PALEXCO. Os vehículos aéreos sobrevoarán o impresionante edificio e coaranse no Auditorio Gaivota impactando aos asistentes ao congreso. Os relatores e convidados poderán seguir en directo este percorrido a través dos ollos dos nosos drons nas pantallas do congreso”.

PUBLICIDADE