Os divulgadores galegos de ciencia e tecnoloxía tiran proveito da web

venres, 12 de xullo do 2013 Redacción

Luis Navarro amosou o seu proxecto Divulgare no encontro da AGC CCT

A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT) converteu a celebración da súa Asemblea Xeral anual nun encontro aberto ao público no que amparar a distintos relatorios de interese para divulgadores de ciencia e tecnoloxía grazas ao coñecemento de experiencias diversas que se expuxeron nunha serie de relatorios. O evento desenvolveuse entre as 17:00 e as 20:30 na Casa da Asociacións de Cornes en Santiago de Compostela.
O encargado de abrir o encontro foi Marcus Fernández, webmaster de Código Cero, que contou a experiencia de 12 anos de divulgación tecnolóxica a través de codigocero.com e a súa edición impresa, como unha inspiración para os socios da Asociación, ao demostrar que é posible comunicar sobre as TIC en galego e podendo incluso converter tal acción nunha actividade empresarial, existindo unha sólida demanda tanto do público (que quere consumir contidos na nosa lingua) como dos actores do sector (que queren ver as súas iniciativas difundidas ao público xeral e ao resto de profesionais do sector en particular).

Francisco Doménech propón o uso de ferramentas da Web 2.0 para achegar os contidos científicos á Rede

A esta intervención seguiron un par de relatorios nos que, por unha banda, Clara Bea explicou a curiosa experiencia do Congreso Internacional de Nubes, mentres que Luís Navarro quixo dar conta do seu proxecto Divulgare, que serviu de exemplo de como mesturar ciencia e arte para divulgar, destacando a forza do audiovisual para comunicar conceptos científicos dun xeito atractivo.
Moi enriquecedor foi un completo relatorio de Francisco Doménech, o conservador de Contidos Dixitais e responsable do e-Museo dos Museos Científicos Coruñeses, quen quixo animar ao resto de divulgadores a empregar numerosas ferramentas da Web 2.0 para compartir os seus contidos na Rede baixo 2 distintas perspectivas: introducir o material na web propia mediante incrustación (sen precisar dun grande desenvolvemento económico) e levar os contidos a espazos onde hai moitos usuarios, deixando faragullas de pan para atraelos.

Manuel Gago expuxo 7 propostas para a cultura científica durnate esta xornada

Doménech destacou ferramentas como Issuu, Scribd, SlideShare, Dipity, Prezi... comentando as vantaxes e problemas que poden xurdir con cada unha, pero animando sempre a experimentar coas mesmas para poder descubrir cal son as que máis se axusten a cada proxecto de cara á súa difusión a través da Internet.
Pechou o encontro Manuel Gago, profesor da USC e director de culturagalega.org, quen adaptou a entrada do seu blog titulada Sete propostas de acción para a cultura en 2013 para a cultura científica, con referencias a algúns dos proxectos nos que está involucrado, como Patrimonio Galego, e con numerosos consellos para os divulgadores de ciencia galegos.

PUBLICIDADE