Os directivos de Blu:sens, entre os mellores líderes empresariais de España

venres, 23 de outubro do 2009 Raquel Noya

“Os mellores líderes empresariais son aqueles que son quen de inspirar e motivar aos seus colaboradores, non obstante esta é a competencia na que máis soen fallar”; con estas verbas explicaba onte en Santiago, o gurú en liderazgo Zenger Folkman, as vantaxes de ter carisma para os negocios, no transcurso da xornada The Extraordinary Leader Research España 2008 organizada por APD, en colaboración con outras entidades como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Segundo un estudo levado a cabo pola consultora Zenger Folkman, no que se analizaron a máis de 20.000 líderes de todo o mundo, estes reúnen, na súa gran maioría, un conxunto de comportamentos comúns como son a capacidade para marcar obxectivos ambiciosos, ter unha visión e unha dirección clara do negocio, ser bos comunicadores, traballar en equipo ou desenvolver aos seus colaboradores, entre outras aptitudes.
Todas estas características reunidas nunha mesma persoa dan lugar a un líder carismático, e segundo Zenger, “a súa capacidade para transmitir emocións, é posiblemente o seu aspecto máis complexo”.
Nesta xornada, déronse a coñecer os resultados do devandito estudo, e nel indícase que o que caracteriza ao líder español é, por norma xeral, o seu elevado nivel competencial, a súa gran iniciativa, a orientación aos resultados e a súa integridade e honestidade.
É por isto que, na xornada organizada por APD, reflexáronse dous casos de empresas galegas que participaron no estudo, os de Blusens e Povisa, exemplos de compañías con líderes carismáticos, que expuxeron a súa situación e coincidiron na importancia da xestión de persoas para un óptimo funcionamento da empresa.
Pablo Ferreiro, o director de recursos humanos de Blusens, afirmou que a entidade que representa traballa con equipos autónomos, moi participativos, e que o papel de mando “enténdese como facilitador”. Nesta liña, explicou, “foméntanse as responsabilidades e toma de decisións, así como o crecemento persoal”.

PUBLICIDADE