Os días 26 e 27 de agosto celébrase en Pontevedra unha nova edición do Lérez Up

luns, 14 de agosto do 2023 S. P.

O Recinto Feiral de Pontevedra vai servir de escenario á segunda edición do encontroLérez Up, os días 26 e 27 de agosto no Recinto Feiral da cidade, un acontecemento xuvenil, participativo e formativo que pon o foco na confluencia entre videoxogos, xogos de mesa e cultura manga e anime, entre outros estilos, formatos, linguas e disciplinas. O evento, co-organizado polo Concello, ten para esta segunda edición o mellor dos precedentes: o éxito da edición do pasado verán, no que conseguiu xuntar a máis de 3.500 seareiras e seareiros do ámbito gamer. Podemos consultar todo o relativo ao encontro Lérez Up na súa web.
Participaron na presentación, este luns 14 de agosto, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Novas tecnoloxías, Anabel Gulías, e as portavoces da asociación Gaming Troop, organizadora principal do evento (Rocío Fernández e Sonia Piñeiro).
No programa destacan os torneos (por exemplo os do League of Legends, Smash Bros ou Valorant) e desafíos arredor de Tekken 7, Switch Sports, Mario Strikers, Street Fighter 6 ou Teamfight Tactics, entre outros. Tamén haberá un concurso Cosplay, no que se vai distinguir a máis meritoria caracterización dun personaxe, tendo en conta a súa actuación, vestimenta e representación. No programa tamén cómpre salientar os máis de 60 postos de creadores do mundo gamer. unha zona indie na que se fará promoción de novos videoxogos desenvolvidos por estudos non maioritarios e unha axenda de charlas sobre temáticas diversas na que participarán artistas como Paula Cheshire, Victor Develops, Luzbel ou AngryYuna.

PUBLICIDADE