Os desenvolvedores de Desafío Millenials visitan Plexus a vindeira semana

venres, 17 de abril do 2015 Redacción

A empresa galega Plexus vai acoller nas súas instalacións aos participantes do Desafío Millenials, en virtude da participación da compañía tecnolóxica neste programa internacional promovido por RedEmprendia (Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas), cuxos principais responsábeis xuntáronse ao longo desta semana en Compostela. A cita (unha xornada de traballo, principalmente) con Plexus será o vindeiro luns 20.
Segundo lembra a empresa santiaguesa, esta foi seleccionada para o Desafío Millenials xunto con outras tres entidades: Banco Santander, Isban, do Grupo Santander e Sonae (Portugal). No reto participan universitarios de México, Arxentina, Colombia e España. O seu labor consiste en tentar superar o desafío lanzado por RedEmprendia e Plexus para desenvolver unha plataforma con novos servizos, especialmente pensada para dispositivos móbiles, carteis dixitais e quioscos multimedia.
Como lembraremos, RedEmprendia Desafío Millennials é un programa deseñado para detectar e fomentar o espírito emprendedor entre mozas e mozos universitarias/os de toda Iberoamérica, partindo da creación de equipos multidisciplinares e multinacionais que aceptan propor unha solución creativa e innovadora a raíz de propostas reais de empresas. Plexus foi seleccionada por RedEmprendia para lanzar un dos seus 5 retos internacionais.
Tras coñecer as instalacións da firma galega en Compostela os estudantes latinoamericanos manterán as súas primeiras sesións de traballo, para o que contarán con titores especializados que analizarán e orientarán cada un dos seus proxectos. Segundo informa Antonio Agrasar, conselleiro delegado de Plexus, “é unha satisfacción abrir ao talento e á mocidade o mundo Plexus, unha contorna empresarial cuxa creación se debe ao contexto que cingue universidade, empresa, capacidade de emprendemento e alianzas estratéxicas”.

PUBLICIDADE