Os desafíos da condución autónoma centraron o novo hachathon 5G da UVigo

xoves, 24 de marzo do 2022 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu este mércores 23 un hackathon 5G, o terceiro das súas características que acolle o centro no prazo dun ano. Foi unha competición na que se retou ao alumnado a resolver diferentes retos tecnolóxicos empregando tecnoloxía 5G que aínda non está dispoñíbel no mercado, pero que “en breve formará parte del”, informaron dende a organización, engadindo no primeiro hackathon, celebrado o pasado verán, o desafío xiraba en torno á Realidade Aumentada; no segundo, en decembro, na Industria 4.0. O último, que se prolongo durante toda a xornada do mércores, puxo o foco no mundo da condución autónoma.
Organizado ao abeiro do Plan Nacional 5G Teleco-Vigo, financiado por Red.es, as actividades arrancaron a primeira hora da mañá nunha presentación que contou coa participación da directora da escola, Rebeca Díaz; o responsábel académico da competición, Felipe Gil, profesor e investigador de AtlantTIC, e Xosé Ramón Sousa, responsábel de Innovación de Optare Solutions, empresa que colaborou na organización dunha proba que, nesta ocasión, estivo moi vinculada a proxecto piloto 5G que converteu a Vigo na primeira universidade galega en probar as vantaxes da tecnoloxía 5G para lograr un smart campus.
Nesta edición participaron no hackathon tres grupos compostos por 12 alumnos de 3º e 4º curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Pola mañá tiveron diferentes actividades formativas á espera da competición propiamente dita que se prolongo até última hora da tarde. O reto consistiu en completar un circuíto de condución mediante o control remoto dun coche a través da rede 5G de Orange. Na actividade probáronse as tecnoloxías de Edge Computing na propia rede comercial de Orange co obxectivo de ver como se pode implantar toda a tecnoloxía relacionada co coche conectado.

PUBLICIDADE