Os deportes en liña centrarán boa parte do programa da Ourense ICC Week 2019

xoves, 7 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Esta semana a Deputación de Ourense deu a coñecer novos detalles sobre o programa da Semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense ICC Week, que vai pola súa quinta edición da man da entidade provincial. Segundo fixo saber o presidente Manuel Baltar, acompañado polos coordinadores do evento, Juan Rivas e Manuel Araújo, os deportes en liña (os eSports) terán un papel importante no programa de actividades da Semana, que se desenvolve entre os días 2 e 7 de abril, coa arela de converter a provincia de Ourense nun “foro creativo e cultural para centos de persoas e entusiastas da innovación e a tecnoloxía”. Novamente boa parte das accións máis senlleiras desenvolveranse en lugares de gran importancia histórica e cultural.
Juan Rivas agradeceu á Deputación de Ourense “o seu compromiso por quinto ano consecutivo” e dixo que “podemos proclamar a Ourense, nación creativa”. En canto ao éxito desta iniciativa nas pasadas edicións, explicou que o estudo de medios realizado o ano pasado “cuantificaba en preto de 760.000 euros o impacto mediático que tería de traducirse en publicidade e este ano queremos revalidar este gran impacto”, explicou.
Amais do devandito, os coordinadores da Ourense ICC Week desvelaron algúns detalles da programación desta quinta edición que, sinalaron, dará cabida ao xornalismo “en tódalas súas vertentes”. Ou sexa, as vertentes audiovisual, radiofónica e dixital. Así, contarase coa presenza de Iker Jiménez, comunicador, presentador de televisión e divulgador do misterio e o paranormal, que participará co seu formato en directo chamado Cara a Cara, apostando por “unha nova experiencia de comunicación na que os asistentes poderán preguntar directamente a Iker, nun diálogo próximo no que a interacción será a clave, na procura dunha conexión total cos asistentes”, explicaron Rivas e Araújo. O encontro celebrarase o 3 de abril no Teatro Principal de Ourense.
Como dixemos ao comezo, tamén haberá unha marxe ampla para os eSports, xuntando seareiros e profesionais dos videoxogos arredor desta nova modalidade deportiva e de lecer, estreitamente ligada ás redes e ás plataformas. A programación sobre esta temática ocupará espazo nas xornadas do xoves, venres, sábado e domingo, sendo nas citas da fin de semana cando se celebren os torneos gratuítos de FIFA 19 e Fornite en plataforma PS4 con retransmisión en liña e premios para os gañadores. “As inscricións abriranse a partir do 25 de febreiro”, dixo Manuel Araújo, quen salientou o protagonismo dos videoxogos “na nosa sociedade”, abranguendo seareiros de idades que van dos 6 aos 65 anos e xerando unha industria que “se estima que no 2020 poida chegar aos 15 millóns de dólares a nivel mundial”, engadiu.
O apartado dos deportes en liña inclúe ademais unha charla que, baixo o título Videoxogos: dos riscos ás oportunidades, estará dirixida aos centros educativos para mozos de entre 12 e 17 anos. A conferencia estará dirixida polo doutor José Luis Montiel Castaño e polo fundador de MundoGT, Alfonso Rodríguez Iglesias. Trátase dunha sesión divulgativa orientada ao fomento do uso responsábel dos videoxogos e tamén a advertir sobre os riscos derivados do seu mal uso.

PUBLICIDADE