Os datos reafirman que a banda larga en España é das máis caras de Europa

martes, 27 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Comparativa de tarifas de ADSL publicada en El Periódico

A semana pasada Neelie Kroes, comisaria europea para a Competencia, denunciaba que a banda larga en España é un 20% máis cara que no resto de Europa, afirmacións que Francisco Rosa, Secretario de Estado para a Sociedade da Información e as Telecomunicacións, rexeitou argumentando que era preciso facer un estudo obxectivo das tarifas actuais en España, pois sostén que os datos manexados están obsoletos, pero a Comisión Europea non é o único organismo que asegura que os prezos españois son excesivos, xa que datos da CMT, da OCDE, da OCU e mesmo das propias operadoras de telecomunicacións reafirman a denuncia de Kroes que «quedou sorprendida pola afirmación realizada polo secretario de Estado de Telecomunicacións» segundo o voceiro Jonathan Todd, quen destacou que a información utilizada por Competencia proviña da mesma Telefónica durante a investigación por abuso de posición dominante na banda larga.
Todd tamén destacou o feito de que a penetración da banda larga en España é un 20% inferior á media da Europa dos 25 e un 30% inferior da media da Europa dos 15, o que parece respaldar as afirmacións de Kroes.
Para facer un achegamento máis completo ó tema podemos recomendar un artigo publicado por El Periódico no que se fai unha comparación das conexións de ADSL en varios países da Unión, que deixa constancia que non só temos prezos máis elevados, senón tamén velocidades menores. Así, mentres en España o ADSL vén de incrementar a súa velocidade a 3 Mbps, en países coma Reino Unido ou Francia parte dunha velocidade de 8 Mbps, e no tocante ós prezos só Portugal estaría por debaixo da media comunitaria (e os lusos terían mellores tarifas que España).
O ADSL pode contratarse en moitas zonas a boas relacións de prezo/velocidade, pero o que non parece posible é facerse cunha conexión a un prezo de subscrición reducido, o que en boa medida é un atranco para a penetración desta tecnoloxía.
Deixando de lado a negación de Clos da situación actual, cando menos parece ter propósito de emenda, pois esta mesma semana comprometeuse a que os prezos da banda larga en España estean entre os mellores de Europa. O Secretario de Estado para a Sociedade da Información tamén lembrou que o Goberno instou á CMT a elaborar un informe sobre o estado actual dos prezos e unha comparativa dos promedios das ofertas das operadoras.

PUBLICIDADE