Os datos dos espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios publícanse en formatos abertos

mércores, 19 de marzo do 2014 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a AMTEGA veñen de incorporar ao portal Abert@s da Xunta de Galicia os datos dos 39 espazos que integran na actualidade a Rede Galega de Teatros e Auditorios, dispoñibles tamén para a súa localización xeográfica na aplicación web de Servizos no Mapa da Xunta.
Os escenarios que configuran este circuíto estable de distribución de espectáculos escénicos e musicais, que Cultura e Educación organiza a través de AGADIC e en colaboración cos concellos e demais entidades públicas asociadas, incorpóranse así a este amplo catálogo de información pública en formato dixital e aberto.
Deste xeito, Abert@s ofrécelles aos cidadáns a posibilidade de mellorar o seu coñecemento sobre as actividades das institucións públicas, así como de beneficiarse dos servizos que as empresas xeren a partir da reutilización desta información pública.
Esta información atópase en ficheiros exportables en formatos KML, CSV e ODS, inclúen a localización, datos de contacto (enderezo postal, web, teléfono, fax e correo electrónico) e capacidade dos auditorios, teatros, salas e salóns de actos incluídos na rede, así como os do Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do Centro Dramático Galego e do que é titular a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE