Os cursos multimedia e audiovisual da Rede CeMIT acolleron máis de mil alumnos

luns, 5 de decembro do 2011 Redacción

Temos novo reconto das accións desenvolvidas nas aulas da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia, as aulas CeMIT. Segundo informan as secretarías xerais de Medios e Modernización (responsábeis desta rede), as aulas de máis de trinta localidades galegas deron acubillo dende o 21 de marzo até o pasado xoves, 1 de decembro, a máis de mil alumnas e alumnos con motivo das actividades incluídas no seu Programa de Formación Multimedia e Audiovisual. Actividades todas elas ligadas aos sectores multimedia e audiovisual, combinando as modalidades presencial co e-learning.
Segundo se engade, os participantes tiveron “a oportunidade de coñecer de primeira man todos os segredos relacionados co streaming de audio e vídeo, a desenvolver webs para dispositivos móbiles, ou a crear videoxogos dende as aulas CeMIT dos distintos concellos galegos”. Isto polo que respecta ao desenvolvido. Isto polo que respecta ao Programa de Formación Multimedia e Audiovisual. No que se refire ás iniciativas do Programa de Formación 2011, dicir que a rede CeMIT está a impartir durante este ano en 89 concellos galegos máis de mil cursos de balde cunha asistencia estimada de 10.000 alumnos.
Ademais do Plan de Formación, informan as devanditas secretarías, “a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias”. De xeito paralelo, a maioría dos centros da Rede contarán co servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

PUBLICIDADE