Os creadores dos Minions poderían levar a Super Mario aos cines

mércores, 15 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Parece que a industria cinematográfica aprendeu do fracaso do filme Super Mario Bros. de 1993, no que Bob Hoskins e John Leguizamo interpretaban a Mario e a Luigi, mentres que Dennis Hopper ocupaba o rol do Rei Koopa, o que a priori podería parecer un reparto de peso, pero que non era quen de soster o despropósito dunha adaptación dun videoxogo estilo cartoon a unha película de acción real, en boa medida polo absurdo da historia (o que nos videoxogos de Nintendo é meramente superficial), e o erro da produción de Hollywood Pictures (que ingresou menos da metade do que custou) corrixiríase cun novo proxecto: un filme animado de Illumination Entertainment.
Ao parecer Nintendo estaría a pechar a un acordo cos creadores de Gru Mi Villano Favorito e os Minions para facer unha película de Super Mario, insistindo a compañía xaponesa na súa intervención no proceso creativo (entendemos que para evitar a desfeita da produción de 1993) de xeito que é probable que finalmente a película poida realizar contando co propio Shigeru Miyamoto como produtor.
Dende Nintendo aseguran non ter nada que anunciar sobre este asunto, polo que enténdese que aínda non se chegou a un acordo final, pero aproveitar a franquía de Mario para filmes de animación en pantalla grande podería ser todo un acerto que beneficiase enormemente a Nintendo, xa que tamén achegaría as súas creacións a un maior público, fornecendo o seu principal valor: as súas propiedades intelectuais.

PUBLICIDADE