Os creadores do xogo Glitch amosan a súa experiencia perante o Concello de Ferrol

venres, 2 de setembro do 2016 Redacción

Os desenvolvedores de Glitch nunha foto recente publicada en Ferrol360

O Concello de Ferrol quere achegar un escenario local propicio para a creación de novo (e innovador) emprendemento. Ou sexa, para que a mocidade teña ao seu dispor os recursos precisos para converter as súas ideas tecnolóxicas e de coñecemento en realidades. Para ir impulsando esta liña de traballo, a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Sestayo, vén de iniciar unha rolda de contactos con empresas e con emprendedores ligados ás novas tecnoloxías da información. O obxectivo, amais do devandito, é impulsar o desenvolvemento económico de Ferrol en novos nichos de mercado.
A primeira xuntanza celebrouse este luns co emprendedor Giuseppe Caminiti, quen, en colaboración con David García, vén de lanzar o seu primeiro videoxogo para Android, Glitch, que durante o seu primeiro mes de vida na Play Store foi quen de chegar ás 1.300 descargas e á cifra de 600 usuarios activos en España, Italia, Estados Unidos ou China.
Beatriz Sestayo salientou na xuntanza que “se vai apostar pola innovación, vendo as numerosas posibilidades de crear emprego e de investir en I+D+i” e nas novas tecnoloxías”. Ao fío do devandito tamén destacou que se irán mantendo reunións con numerosos emprendedores e empresas para recabar as súas suxestións e “ir ultimando un proxecto integral”.
A día de hoxe, lembrou, estase a traballar na organización dunha xornada informativa sobre novas tecnoloxías e empresas no ámbito das TIC.

PUBLICIDADE