Os creadores de Candy Crush estréanse na Bolsa de New York

mércores, 26 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos vimos como fenómenos como Farmville e Angry Birds dispararon os ingresos de Zynga e Rovio respectivamente, e agora a empresa que está a recoller grandes cantidades económicas dos seus xogos é King, que ten como principal título a Candy Crush, un dos grandes expoñentes do free-to-play que quere aproveitar o momento para saír ao mercado bolsista, de xeito que está a lanzar unha oferta pública de accións a un prezo de saída de 22,50 dólares, con que pretenden recadar uns 500 millóns de dólares, dos que uns 350 millóns irían directamente para a compañía e o resto para os actuais accionistas.
En vista dos elevados ingresos que actualmente ten King, compañía dublinesa que tamén conta cunha sede en Barcelona, non parece que precisen desta importante inxección económica, pero sen dúbida esta podería contribuír a fortalecer a compañía e permitirlles explorar novos formatos, ampliar o seu catálogo, facer medrar a súa rede, espallarse internacional e chegar a novas plataformas e potenciar a súa infraestrutura na nube; obxectivos que poderían conseguir en boa medida en base a adquisicións doutras empresas, o que sería posible grazas ás novas achegas económicas recibidas a través da Bolsa de New York.
A saúde económica de King é innegable, cuns beneficios netos de 567,6 millóns de dólares en 2013 (fronte aos 7,8 millóns acadados o ano anterior), cunha facturación de 1.884,3 millóns de dólares, deixando claro que está nun magnífico momento que deben aproveitar para evitar padecer a decadencia que actualmente enfrontan empresas como Zynga, incapaces de manter o pulo dos seus xogos a longo prazo.

PUBLICIDADE