Os consumidores denuncian dúas webs por publicidade enganosa

martes, 8 de febreiro do 2011 Raquel Noya

A Asociación Xeral de Consumidores (ASGECO), vén de anunciar que acolle, segundo afirma, “con satisfacción”, o inicio de actuacións de oficio contra as webs Globaliza.com e Idealista.com, por suposta publicidade enganosa, que poderían dar lugar á apertura de sendos expedientes sancionadores.
A Confederación asegura que as devanditas web “poderían estar incurrindo en prácticas desleais” ao emitir “informacións falsas aos usuarios”.
Ámbalas dúas webs ofrecen publicar anuncios inmobiliarios de balde, porén posteriormente, o usuario é informado de que, para comezar a operación, debe “validar o seu teléfono”, a través do envío dun SMS Premiun ou unha chamada a un 902, que teñen un custe adicional.
En concreto, a web Idealista.com ofrece publicar un anuncio “gratuitamente” de forma reiterada ata que, inmediatamente antes de comezar o rexistro no sitio, informa ao usuario de que deberá ter a man o seu teléfono para comezar a publicar, tamén cun custe de servizo Premium SMS.
Dende a Asociación de Consumidores aseguran ter tratado de poñerse en contacto con ambas webs, “sen recibir resposta positiva algunha ás nosas peticións”, afirman.
É por isto que ASGECO, vén de esixir a eliminación de “calquera expresión que poida referirse a unha suposta gratuitidade do servizo” ou ben “a retirada da esixencia de empregar os servizos Premium por parte dos usuarios”.
ASGECO CONFEDERACIÓN agarda agora que, perante a posible apertura de expedientes por parte da Administración competente, “estes portais rectifiquen na súa política de engano masivo aos consumidores” ou ben, no caso de persistir na súa teima por sacar partido da estafa, “a Administración encargada, esté á altura das súas responsabilidades e inicie os procedementos oportunos para establecer as sancións pertinentes”.

PUBLICIDADE