Os concellos galegos estrean unha ordenanza para avanzar na Administración electrónica

mércores, 8 de abril do 2015 Redacción

Os concellos galegos teñen desde hoxe á súa disposición a Ordenanza de Administración Electrónica para a Administración Municipal, unha ferramenta tipo para facilitar ás entidades locais o regulamento dos procedementos telemáticos que hoxe presentaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira, o presidente da FEGAMP, José Manuel Rey, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, en representación das entidades que fixeron posible este modelo de ordenanza.
No acto de presentación salientouse a importancia de proporcionarlle ás entidades locais ferramentas que lles faciliten a implantación da Administración electrónica e a necesidade de incidir na colaboración entre administracións para garantirlle a cidadáns e empresas uns servizos dixitais de calidade.
A directora da AMTEGA destacou que xa en 2010 a Xunta e a FEGAMP a plasmaron nun convenio o compromiso de consolidar un novo modelo de relación entre as administracións públicas e os cidadáns, apostando por compartir, reutilizar, evitar a duplicación de esforzos e recursos, e avanzar na prestación de servizos conxuntos para sociedade.
Mar Pereira lembrou que o labor realizado nos últimos catro anos desde a Administración autonómica permitiu poñer á disposición dos concellos unha carteira de servizos dixitais chave para a implantación da eAdministración como o servizos de acreditación e sinatura dixital gratuítos, que empregan preto de 140 entidades locais; a Plataforma de Contratos Públicos con 130 concellos dados de alta ou a recente Plataforma para a Licitación Electrónica na Administración Local, Leal.gal, que se está a pilotar no Concello de Santiago e nas Deputacións de Ourense e Pontevedra.
Unha das iniciativas fundamentais para a compartición de recursos é a plataforma de interoperabilidade da Xunta, Pasaxe!, que entrou en funcionamento o pasado ano e que posibilita a conexión entre os servizos dixitais das distintas administracións. Unha medida que redunda directamente en beneficio da a cidadanía, evitando que teñan que presentar a mesma documentación en distintas Administracións. (documentos de identidade, títulos formativos, certificados de discapacidade..). A día de hoxe conta con 28 servizos e está previsto acadar os 60 co novo Plan de Goberno e Administración Dixital.
Este Plan, presentado recentemente no Consello da Xunta, establece tamén a extensión do sistema de notificacións electrónicas aos concellos, que permite o envío e recepción de notificacións das diferentes administracións públicas galegas nunha caixa de correo persoal de forma segura e confidencial.

PUBLICIDADE