Os comunicadores de Divulgacción celebran o 14 de xuño o seu encontro anual, unha parte do mesmo en aberto

xoves, 15 de maio do 2014 Redacción

O vindeiro 14 de xuño, a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT) celebrará no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT, A Coruña) o seu encontro anual. A xuntanza dividirase en dous bloques. Por unha banda un bloque aberto ao público xeral no que se compartirán experiencias de divulgación, entre elas as de 4Gotas.com (servizo galego de predicións meteorolóxicas, de ondaxe e biometeoroloxía) e BricoLabs (obradoiro en liña dirixido a intercambiar experiencias e habilidades en electrónica e hardware libre). Por outra banda, haberá unha asemblea anual dirixida a todos os socios. Temos o programa definitivo da xuntanza en www.divulgaccion.org.
Lembrar que a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica ten a súa orixe en abril de 2011, da man de trinta divulgadores científicos e tecnolóxicos procedentes de ámbitos ven diversos (docencia, investigación, xornalismo, museos, empresas) que descubriron ter a arela común de levar os achados dos nosos investigadores o máis preto posíbel da cidadanía. Asemade, o seu obxectivo foi o de contar cunha asociación que velase polas boas prácticas profesionais, ofertase formación específica, e servise como punto de encontro e de debate entre os seus asociados.

PUBLICIDADE