Os comercios da Coruña poderán transformarse tecnoloxicamente con actividades online

luns, 31 de agosto do 2020 S. P.

O Concello da Coruña, a través do Departamento de Promoción Económica e Comercio, impulsa o programa gratuíto e en liña Tendas a Exame, unha iniciativa para apoiar ao comercio local con todo tipo de recursos e coñecementos sobre ferramentas dixitais para mellorar a visibilidade dos seus negocios. A iniciativa, abeirada á estratexia municipal para impulsar e dinamizar os establecementos de proximidade, implica o chimpo ao universo virtual do programa Tendas a Exame, tanto nos seus contidos coma no sistema de consultoría.
Trátase, sinalou o Concello, de que as persoas propietarias dos comercios coñezan ferramentas online que poidan habilitar nos seus negocios “de forma sinxela, co obxectivo de chegar a máis clientela e mellorar a súa visibilidade na Rede”. Este cambio, engade o Goberno local, “permitirá que poida participar calquera comercio de proximidade da cidade que teña establecemento aberto ao público, con independencia da zona na que se atope”.
Nunha primeira fase do programa realizarase unha análise e diagnóstico dos comercios no ámbito dixital, para lles propor, de seguido, estratexias e accións axeitadas que melloren a súa visibilidade en liña. Levaranse a cabo consultorías personalizadas de mercadotecnia en liña, comercio electrónico, SEO, ecommerce e social selling, entre outras temáticas, sempre buscando aquelas que mellor encaixen cos diferentes negocios participantes.
Os establecementos interesados poderán inscribirse no programa ata o próximo 15 de setembro. E entre eles seleccionarase os 45 comercios que participarán.
Para formalizar as inscricións cómpre visitar a web de Comercio no portal do Concello.

PUBLICIDADE