Os comerciantes do centro histórico compostelán poderán ter servizos de Orange en condicións preferentes

mércores, 14 de abril do 2021 S. P.

A Asociación Empresarial Compostela Monumental e a empresa de telecomunicacións Orange Duatel veñen de formalizar un acordo de colaboración para permitir que o comercio e as empresas do centro histórico de Santiago poidan “ter uns servizos de telefonía e fibra óptica en condicións preferentes”.
Lembrar que a dita operadora é a responsábel do recente despregue de tecnoloxía FTTH nos barrios antigos da cidade, uns traballos abeirados ao plan do Concello e axencia AMTEGA para dotar de Internet de alta velocidade o centro compostelán (onde aínda non se contaba con este servizo) respectando ao máximo o patrimonio e a estética da contorna.
O plan, cuxas metodoloxías e resultados son susceptíbeis de seren aplicadas noutras zonas históricas de Galicia, atópase neste intre na súa última fase.
Volvendo ao acordo asinado con Orange, a patronal da zona monumental da capital de Galicia sinala que con esta alianza ve cumprida unha das súas máximas aspiracións: a de lograr quitar a contorna histórica da cidade do apagamento tecnolóxico “que vén sufrindo dende hai máis de 20 anos”.
Para José Manuel Bello Rey, presidente de Compostela Monumental, “hai que agradecer á Xunta de Galicia, tanto a RETEGAL, AMTEGA e Patrimonio, como ao Concello de Santiago e ao Consorcio, que permitisen que reinase o sentido común e o traballo conxunto para que ao final se poida cumprir co que nos prometeron hai case un ano e medio. Ao fin os comerciantes e empresarios da zona poderemos contar cuns servizos de telefonía e Internet adecuados ao século no que vivimos. Levabamos esperando case 20 ano. Máis vale tarde, que nunca”.
O acordo
O acordo, como dixemos, permitirá que “no menor prazo de tempo posíbel” todos os comerciantes e empresarios da zona, póndose en contacto con Compostela Monumental, poidan ser beneficiarios das condicións preferentes acordadas, e que están contempladas en varios paquetes personalizados segundo o tipo de comercio ou peme, e as súas necesidades en materia tecnolóxica. Todas as persoas autónomas, comerciantes, empresarios e profesionais do centro histórico interesados en poder tirar proveito do devandito acordo, deberán facelo enviando os seus datos á conta de correo gerente@compostelamonumental.es.

PUBLICIDADE