Os colexiados do CPETIG comezan a recibir nos seus domicilios a revista Código Cero

luns, 27 de maio do 2013 Redacción

Os colexiados do CPETIG, Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, reciben desde este mes nos seus fogares a revista de novas tecnoloxías Código Cero (edición papel). Grazas o acordo de colaboración co noso grupo editorial, os membros da devandita entidade profesional galega recibirán de xeito gratuíto no seu domicilio a edición impresa da revista de referencia no ámbito das novas tecnoloxías, facendo especial fincapé nos servizos e novidades achegados dende a nosa terra.
Neste primeiro envío da publicación (o número 117), como podemos ver xa no seu PDF correspondente, publícase a Guía para o inicio da actividade empresarial TIC, un traballo froito do Taller de Emprendemento organizado polo CPETIG e que tivo lugar o pasado mes de abril.
A elaboración desta guía está coordinada polo Colexio, patrocinada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e conta coa colaboración de Código Cero.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, a día de hoxe presidido por Marcos Mata, é unha corporación de dereito público que traballa por organizar, protexer, mellorar e velar por un axeitado exercicio da profesión.
O acordo co Grupo Código Cero permitirá unha maior visibilidade as actividades do colexio xa que á marxe do envío da revista, o portal tecnolóxico fará unha maior difusión das súas actividades.

PUBLICIDADE