Os clientes de Vodafone e Orange poderán converter a súa SIM en eSIM dende o iPhone

luns, 12 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

No mes de decembro os clientes de Movistar recibiron unha funcionalidade de iOS que podía resultarlles especialmente práctica, xa que permitía converter unha tarxeta SIM física en eSIM, para integrala no seu iPhone, sen ter que acudir a unha tenda a solicitar un código QR para realizar a operación e sen ter que pagar polo trámite.
Agora desvelan que a función de Converter en eSIM está dispoñible para os clientes de Orange e Vodafone que teñan instalada a última versión de proba de iOS, ou sexa, que en canto se produza o lanzamento oficial de iOS 17.4 será posible que os clientes de Vodafone e Orange poidan integrar a súa SIM física no seu iPhone, podendo logo aproveitar a rañura da tarxeta SIM para introducir un segundo número de teléfono (por exemplo, para poder levar no mesmo dispositivo o número persoal e o do traballo).
A expedición de eSIM con Vodafone era de balde, pero no caso de Orange, a emisión da eSIM en tenda custa 5 euros, polo que o novo procedemento supón un aforro de tempo e cartos.

PUBLICIDADE