Os centros tecnolóxicos de ATIGA afiánzanse no vieiro do crecemento
venres, 18 de xaneiro do 2019
Comezou
o ano da mellor maneira para ATIGA (Alianza Tecnolóxica
Intersectorial de Galicia), a fronte común de apoio innovador ao
empresariado galego integrada polo Centro Tecnolóxico Gradiant, o
Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), AIMEN, ANFACO-CECOPESCA,
CTAG e EnergyLab. Segundo
puidemos saber, os centros tecnolóxicos de excelencia que constitúen
a alianza consolidaron o seu crecemento en 2018. Ademais, o
investimento conxunto en 2018 en novo equipamento
científico-tecnolóxico superou os 8 millóns de euros.
As
cifras e fitos foron dados a coñecer este semana polo propio
presidente de ATIGA, Juan Manuel Vieites, que detallou que a
tendencia ao medre abrangue os principais indicadores de actividade,
ingresos, proxectos e clientes. Segundo engadiu, “este crecemento
susténtase nunha aposta decidida pola mellora continua tanto dos
centros como da Xunta de Galicia”.
Respecto
do devandito investimento de 8 millóns de euros en novos recursos
punteiros, o presidente da alianza concretou que se trata de
equipamentos de diversa índole, ligados á biotecnoloxía, aos
materiais avanzados, ao coche autónomo, á Industria 4.0 ou aos
drons. O seu obxectivo común, dixo, é fornecer ás empresas galegas
de diversas oportunidades que brindan as tecnoloxías emerxentes e
facelas máis innovadoras e competitivas.
ATIGA
tamén puxo o foco na importante bagaxe acumulada polos seus centros,
un saber facer (un know-how) que se reflicte nas altas
valoracións achegadas polos seus case 2.000 clientes e que colle
corpo na ampla marxe de operatividade e innovación que adquiren as
empresas colaboradoras, en especial PEME, ás que se lles achega a
posibilidade de investigar e desenvolver servizos sen adicar recursos
dos que non dispoñen, “reducindo desta maneira os riscos”.