Os centros socioculturais de Santiago ofrecerán obradoiros anti-fenda dixital e actividades maker

xoves, 31 de agosto do 2023 S. P.

O Concello de Santiago presentou este xoves 31 de agosto o programa de actividades da rede de centros socioculturais do termo municipal para o curso 2023-2024. A axenda foi dada a coñecer polo concelleiro Xan Duro e pola técnica Lourdes de la Cruz, que salientaron as 7.400 prazas ofertadas dentro do programa de actividades organizadas polo Concello de Santiago (4.300 de balde e outras 3.100 con prezos reducidos, e cuxo prazo de preinscrición estará aberto do 6 ao 21 de setembro. Moitas destas actividades serán accións de tecnoloxía participativa (maker) ou directamente encamiñadas a loitar contra a fenda dixital.
Trátase dun amplo programa o que achega o Concello a través do seu Departamento de Centros Socioculturais, que inclúe tamén actividades nas que tamén colaboran outras concellarías, e as iniciativas postas en marcha polas entidades veciñais, culturais e sociais.
A programación desenvolverase nos 42 centros socioculturais da rede e que abrangue os centros urbanos das Fontiñas, A Trisca, O Ensanche, O Castiñeiriño, Santa Marta, Conxo, Vite, Cidade Histórica; os centros dos barrios zona urbana 1 (Rocha, Vidán, San Lourenzo, Sar, Cardeal Quiroga e Pontepedriña) e urbana 2 (Almáciga, Amio, C Casa Agraria, As Cancelas, Brañas de Andrés, O Romaño); e os centros rurais da Gracia, Barciela, A Peregrina, Aríns, Bando, Busto, Cesar, Enfesta, Eixo-Bornais, Figueiras, Grixoa, Lamascal, Laraño, Lavacolla, Marantes, Marrozos, Nemenzo, Santa Cristina de Fecha, San Xulian do Carballal, Verdía e Villestro.
O prazo de preinscrición para as actividades dos CSC organizadas polo Concello con número limitado de prazas e pagamento, será do 6 ao 21 de setembro, tanto online como presencial nos distintos centros socioculturais.
O concelleiro explicou que a proposta deste novo curso sociocultural segue a ter como obxectivo "o acompañamento aos grupos de idade, especialmente logo da experiencia comunitaria vivida coa pandemia, a estimulación da vida comunitaria e a participación social a través das actividades de tempo libre", poñendo en valor o fomento do exercicio e a vida saudábel.
Xa nun plano tecnolóxico, haberá actividades de envellecemento activo que porán o foco en familiarizar ás persoas maiores coas novas ferramentas, capacitándoas para aprender a manexarse coa Administración Electrónica (DNI electrónico, trámites telemáticos), facer vídeo-chamadas e vídeo-conferencias ou empregar o Google maps para moverse pola cidade.
No ámbito das tecnoloxías argalleiras, abertas e participativas (tecnoloxías maker), haberá obradoiros de deseño 3D, ferramentas creativas e edición de vídeo e audio, no marco do proxecto impulsado polo Departamento de Promoción Económica, Faino Ti, Fab lab. Trátase dun programa de formación que se desenvolverá entre os meses de setembro e outubro en 8 centros socioculturais, dirixido a mozos de 18 a 25 anos e a maiores a partir de 55 anos. Ademais do ciclo deformación continuada, tamén haberá seminarios dunha soa xornada. Pódese consultar a programación e inscribirse na web www.compostelamaker.gal.
Para participar e anotarse nas actividades dos CSC organizadas polo Concello de Santiago con número limitado de prazas e con pagamento o prazo da inscrición comeza o dia 6 e remato o 21 de setembro.
A preinscrición realizarase preferentemente por vía online a través da páxina do Concello de Santiago, cubrindo o formulario CC002, dispoñíbel na sede electrónica e na web específica. Tamén se pode facer de forma presencial nos propios centros, onde se lles facilitará o impreso de participación.



PUBLICIDADE