Os centros educativos galegos contarán o vindeiro curso co bacharelato de excelencia STEM

luns, 11 de xuño do 2018 Redacción

A educación en novas tecnoloxías, por moitos e variados motivos (por exemplo, as TIC abren unha manchea de posibilidades laborais, profesionais, comunicativas creativas e de emprendemento), estase a introducir no noso sistema educativo, aínda que se cadra non tan decontado como sería de desexar. O máis recente avance nesta dirección dunha docencia máis envorcada coas ferramentas dixitais presentouse hoxe oficialmente en Santiago, na Cidade da Cultura, onde o Goberno galego deu a coñecer que os nosos centros educativos de secundaria contarán o curso que vén cun Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías, o STEMbach. Será, sinalou a Xunta, unha alternativa docente que abranguerá un proxecto final que o alumnado, individualmente ou en grupo, deberá explicar e defender ao remate do segundo ano.
Estes e outros datos foron achegados polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen debullou na presentación de hoxe un paquete de iniciativas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) para o próximo curso 2018/19, enmarcadas en Edudixital 2020, no que se integra precisamente o devandito bacharelato tecnolóxico-científico (que será a acción prioritaria). Segundo indicou o conselleiro, o STEMbach é unha opción formativa concibida para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, será en si mesma unha ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que lles agarda aos estudantes ao remate do bacharelato. De feito, o devandito proxecto a defender forma parte deste adestramento. Este proxecto, semellante ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
O conselleiro tamén fixo saber que o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal relacionada co ámbito de materias STEM e “cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais”. Esta materia terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Así mesmo, os estudantes farán actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades ou entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos.
O alumnado recibirá ao remate unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
Outra das novas accións STEM presentadas hoxe é a creación dos Espazos Maker, en palabras do conselleiro “lugares nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de aprender facendo”. Estes espazos incluirán equipamento específico e unha achega económica e estarán destinados a alumando, profesorado e mesmo familias para que “poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación”. Nesta primeira convocatoria búscase chegar a 10 centros educativos, aos que se fornecerá do equipamento necesario, así como dunha achega individual de 2.000 euros.
Ao devandito cómpre engadir a Semana STEM, que se vai celebrar entre finais de agosto e principios de setembro de 2018, e tamén o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek, na que poderán participar 200 alumnos de 3º e 4º de ESO. Estas 200 prazas súmanse ás 450 deste ano da Semana STEM. co cal un total de 650 rapaces e rapazas poderán mellorar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos en campamentos fóra do horario lectivo.

PUBLICIDADE