Os centros educativos de toda Galicia xa poden reservar praza na Aula Newton da Tecnópole

luns, 5 de setembro do 2022 S. P.

A Aula Newton Galicia (iniciativa pioneira de formación STEM só presente, a nivel estatal e con carácter permanente, no Parque Tecnolóxico de Galicia) vai activar un novo curso dirixido a alumnado de 2º da ESO a 1º de Bacharelato de toda a comunidade. Segundo informou a Tecnópole, os centros educativos de toda a xeografía galega xa poden reservar en liña praza na Aula, que este ano duplica a súa oferta e pon o foco no ámbito aeroespacial. O prazo de inscrición, que é de balde, estará aberto na súa primeira quenda, que se celebra de outubro a decembro.
A Aula Newton Galicia está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro First Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea. A Aula Newton pasará a contar este curso con catro simuladores de voo -ata o de agora eran tres-, o “que permitirá que un maior número de rapaces e rapazas gocen desta experiencia”, explicaron fontes da Tecnópole.
Outra das novidades desta edición da Aula Newton é que o alumnado deberá responder a unha hipotética misión de rescate localizada en Galicia, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. “Para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, os participantes poranse á fronte dos simuladores de voo avanzados de que dispón a Aula, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados”, engadiu a Tecnópole.

PUBLICIDADE