Os campus de Ourense e Vigo acollen estes días unha visita divulgativa de Microsoft

luns, 12 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo acolle entre hoxe luns e mañá unha acción informativa de Microsoft que, malia o seu nome (Máster de Supervivencia Universitaria de Windows) non ten relación directa coas metodoloxías máis axeitadas para entrar e saír con vida das facultades. Non, a cuestión é máis metafórica, aínda que se temos en conta o que amosa Microsoft da actividade, ten o seu lado literal. Sobre todo de cara a un terreo, o mercado laboral, que é todo un reto. O evento educativo conta coa colaboración de Kinect para Xbox 360 e trátase dunha iniciativa itinerante que percorre os principais campus da xeografía estatal, sendo o seu obxectivo “amosar aos estudantes as posibilidades que lles ofrece a tecnoloxía de Microsoft no seu desenvolvemento educativo e profesional”.
Na xornada do luns, avanza Microsoft, os universitarios poderán achegarse á Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense. Durante o martes, o equipo de Microsoft amosará o miolo do seu programa (demostracións prácticas e “divertidos retos”) na Cidade Universitaria de Vigo. Segundo avanza a multinacional con máis detalle a propósito desta actividade, o Máster de Supervivencia de Windows “pretende impulsar a formación tecnolóxico-dixital dos estudantes españois coa fin de desatar o seu talento, mellorar a súa competitividade e tirar o máximo proveito das funcións da tecnoloxía tanto na súa etapa presente, como de cara á súa vindeira incorporación ao mundo laboral”.

PUBLICIDADE