Os cambios sociais e económicos da aceleración tecnoloxía, polo miúdo o día 16 en Santiago

martes, 9 de decembro do 2014 Redacción

Este 16 de decembro temos en Santiago nova cita coas TIC. Ou, mellor dito, co futuro da actividade económica, que a determinados niveis é o mesmo que dicir TIC. A cita vén da man da Asociación para o Progreso da Dirección (APD), que celébrase no Pazo de Congresos e Exposicións baixo o seguinte epígrafe: O mundo que vén. No encontro, sinala APD e reflicte o CPEIG, participarán relatores de renome do panorama estatal afondando nos cambios sociais, políticos, económicos e ambientais derivados da aceleración tecnolóxica. Nun plano máis concreto, trataranse cuestións como a hiperconectividade, a globalización e (tamén) este proceso evolutivo no que a tecnoloxía semella querer ir mesmo por diante de todas as demais cousas que evolucionan.
Segundo fai saber a APD, na xornada abordaranse as consecuencias da influencia directa deste proceso de aceleración (no social, no político, no económico, no medioambiental), case con toda probabilidade non comparábel con ningún outro proceso industrial, económico ou social previo na historia. O evento, impulsado tamén polo IGAPE, contará coa presenza (no acto de apertura) do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Zona Noroeste de APD, Honorato López Isla.
Como relatores, contarase coas intervencións (entre outras) de Francisco Berenguer Hernández (tenente coronel e analista principal do Instituto de Estudos Estratéxicos), Eduardo Olier (presidente do Instituto Choiseul España), José Manuel Velasco (conselleiro de Global Alliance por Public Relations And Communication Management), Alfonso Vergara (presidente da Fundación Metrópoli), Manuel Villa-Cellino Torre (presidente do Consello Reitor da Universidade Antonio de Nebrija) ou Carlos Barrabés (presidente de Barrabés Internet).

PUBLICIDADE