Os caixeiros automáticos de EE.UU. poderán empregarse con Apple Pay e Android Pay

venres, 29 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Agora que estamos á espera da chegada de Samsung Pay a España, entendemos que 2016 será o ano no que os pagamentos baseados no móbil se popularicen en España, pero este tipo de tecnoloxías poderían dar un importante salto acto seguido, xa que están a dar conta nos EE.UU. de que as entidades bancarias Chase, Bank of America e Wells Fargo están a traballar para dotar aos seus caixeiros automáticos de tecnoloxía NFC, de xeito que as solucións tipo Apple Pay, que empregan o móbil como substituto da tarxeta bancaria para facer pagamentos, tamén podería empregarse para empregar caixeiros automáticos, evitando así que o usuario teña que cargar coa súa tarxeta para operar coa mesma, xa que pode tela virtualmente no seu dispositivo móbil.
Está previsto que este interesante avance tecnolóxico se implemente nos EE.UU. durante os vindeiros dous anos, pero en España a cousa podería ir moito máis rápido, xa que varias entidades bancarias xa contan dende hai tempo coa posibilidade de empregar os seus caixeiros con tarxetas contactless, de xeito que a adaptación dos mesmos para o emprego de solucións como Apple Pay, Android Pay ou Samsung Pay parece doada, dando a impresión de que os vindeiros meses van ser cruciais para a adopción deste novo xeito operar cos nosos cartos, onde a confianza do usuario será o elemento máis importante para axilizar a evolución desta tecnoloxía que levan anos intentando implantar internacionalmente e que até a chegada de Apple Pay parecía estancada.

PUBLICIDADE